Tuesday 17 de March de 2026

O Concello inicia a contratación da primeira fase do Museo dos Naufraxios na que se abrirá ao público a sala ‘Beti Donosti’


· As empresas teñen de prazo ata o 4 de abril para presentar oferats.

· O proxecto supón un investimento de 430.000 euros e está financiado cunha subvención da Deputación da Coruña.

· Nesta primeira actuación repararanse os elementos estruturais, executarase unha nova envolvente exterior e rehabilitarase a planta baixa acondicionando un espazo destinado á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’.

O Concello de Camariñas iniciou hoxe, martes 17 de marzo, a contratación do novo proxecto para a primeira fase do Museo dos Naufraxios na que se abrirá ao público a Sala de Exposicións ‘Beti Donosti’. O orzamento total da actuación ascende a 430.000 euros, dos que a Deputación da Coruña aporta, a través dunha subvención nominativa, o 76,7% (330.000 euros).

Este novo proxecto, que sufriu modificacións con respecto ao inicial, é o resultado da loita do Concello para poder rehabilitar o inmoble, debido ao seu alto valor sentimental, demostrando que estruturalmente estaba en condicións de renovarse tras recibir un informe onde se recomendaba o seu derrubamento.

O proxecto consiste na reparación e consolidación dos elementos estruturais do edificio da Lonxa Vella, así como das obras de reforma da envolvente exterior do mesmo, co fin de recuperalo, evitando así o seu deterioro e así poder destinalo á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’ e ao futuro Museo dos Naufraxios.

Unha vez rematados estes traballos no exterior, preténdese recuperar a funcionalidade deste edificio público rehabilitando unicamente unha zona da planta baixa do mesmo. Alí proxéctase unha zona na que se acondicionarán servizos eun espazo de uso público destinado á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’. Ambos espazos estarán comunicados entre si a través dunha zona común que terá acceso desde o exterior.

Nesta primeira fase non se acondicionarán as estancias da planta alta, só se demolerán as escaleiras, os tabiques e os acabados existentes. Será na seguinte fase, que se ocupará do acondicionamento interior do ‘Museo dos Naufraxios’, na que se deseñará e se compartimentará a planta alta en conxunto coas dúas ás da Lonxa na planta baixa.

O prazo de recepción de ofertas remata o 4 de abril.

Deja un comentario