San Sadurniño prepárase para iniciar unha viaxe colectiva arredor da memoria, os coidados e a creación artística. Este venres, 20 de marzo, bota a andar na Casa da Xuventude o proxecto “Hai que verse nelas!”, que traballará durante varios meses arredor da comunidade, das relacións e dos coidados, utilizando a fotografía e a creación artística desde unha perspectiva feminista. Trátase dunha iniciativa interxeracional promovida e pilotada polas cooperativas Arabías e Illa Bufarda que conta co apoio do Concello de San Sadurniño e do Instituto de las Mujeres, dependente do Ministerio de Igualdade. As persoas interesadas en participar nesta proposta teñen ata o propio venres ás 14:00h para apuntarse no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no teléfono/Whatsapp 673 903 922. Por razóns de coordinación e de desenvolvemento do proxecto, despois deste día xa non será posible entrar formar parte do grupo.
A iniciativa propón un espazo de encontro para mulleres de 13 anos en diante —e homes que desexen sumarse— co obxectivo de tecer redes e crear comunidade. O primeiro bloque de sesións, dinamizado pola cooperativa Arabías, centrarase en traballar mediante dinámicas de grupo a visión que temos sobre a sororidade, os referentes da nosa contorna e o apoio mutuo. Esta fase inicial servirá para construír o relato que o grupo quere contar, poñendo o foco no papel histórico das mulleres de San Sadurniño.
As sesións deste primeiro bloque desenvolveranse na Casa da Xuventude os venres 20 de marzo e 10, 17 e 24 de abril, nun horario de 16:30 a 18:30 horas. Ao tratarse dun proceso de creación continuado que se estenderá ata o mes de outubro, a organización destaca que, unha vez comezada a actividade este venres, non se admitirán novas incorporacións para garantir a cohesión e a boa marcha do grupo de traballo.
Unha das pezas clave do proxecto será o uso do arquivo visual. As participantes traballarán en relación coa técnica fotográfica utilizando a potente ferramenta dos álbums familiares e imaxes do concello. Será a partir de maio cando as integrantes de Illa Bufarda pasen encabezar “Hai que verse nelas!” para guiar o segundo bloque, ensinando a mirar a través do obxectivo. Nesta etapa, as persoas participantes adquirirán coñecementos de retrato para explorar como se perciben a si mesmas e como retratar o valor invisible dos coidados.
A fase final do programa, prevista para os meses de setembro e outubro, transformará o traballo de reflexión en arte pública. Realizaranse retratos de gran formato que se imprimirán e colgarán en espazos estratéxicos de San Sadurniño. O obxectivo final é crear unha exposición ao aire libre que poña en valor a aquelas persoas que fan posible que a veciñanza viva nunha contorna amable e segura, visibilizando conceptos do feminismo e a igualdade desde a propia rúa.
“Hai que verse nelas!” conta co aval de dúas cooperativas integradas por mulleres con ampla traxectoria no ámbito social. Arabías achega a súa experiencia en dinamización comunitaria dende 2018, mentres que Illa Bufarda suma 13 anos de percorrido fiando historias a través do audiovisual e o deseño. Como sinala a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, “ter a Arabías e a Illa Bufarda traballando en San Sadurniño é un luxo, e aínda por riba cun proxecto coma este, que ofrece unha oportunidade única para formar parte dunha acción artística innovadora que deixará unha pegada visual e social no noso concello”.
Quen non puidera acudir á presentación de hai uns días e teña interese en sumarse a “Hai que verse nelas!” pode contactar coa técnica municipal de Igualdade, Oriana López, ata este venres ás 14:00h. Débese enviar un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal ou unha mensaxe ao teléfono/Whatsapp 673 903 922. É a última oportunidade para participar neste grupo interxeracional antes de que o proxecto comece a súa andaina definitiva.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.