Tuesday 17 de March de 2026

O PSdeG acusa ao Goberno de Sanmartín de licitar o maior contrato de transporte sen diálogo coa veciñanza


Marta Abal denuncia que o Goberno de Sanmartín licita o maior contrato de transporte da historia “sen contar coa veciñanza” e deixa parroquias como Busto sen cobertura.

A concelleira socialista critica unha forma de gobernar baseada en decidir primeiro e escoitar despois.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal criticou a forma na que o Goberno da señora Sanmartín está a tramitar o novo contrato de transporte urbano e advertiu de que se está facendo “sen contar coa veciñanza” nunha decisión clave para a cidade.
Abal sinalou que o executivo municipal “volve actuar cunha lóxica de todo para o pobo pero sen o pobo”, xa que “é unha vez que os pregos están redactados e o procedemento en marcha cando lle explican á cidadanía como lles vai afectar”.
A concelleira socialista denunciou que é agora cando o Goberno de Sanmartín recolle as achegas veciñais “co compromiso de telas en conta”, escudándose en que este modelo de contrato é flexible e permite modificacións. Porén, advertiu de que “a realidade é que o contrato de transporte urbano co maior orzamento da historia de Santiago deixa parroquias como Busto sen servizo”.
Neste sentido, Abal subliñou que “unha decisión tan importante como o funcionamento do servizo de transporte público non pode tomarse de costas á cidadanía” e insistiu en que “non se pode decidir primeiro e reunirse despois co tecido veciñal para atender as súas demandas; a orde debe ser a contraria”.
A concelleira socialista criticou que o Goberno local estea invertendo a orde lóxica da participación e advertiu de que “a orde das accións é á inversa”, cando o que corresponde é escoitar primeiro e decidir despois.
Por iso, Abal reclamou un cambio na forma de gobernar e asegurou que “Santiago precisa un goberno que escoite antes de actuar, que dialogue, que constrúa consensos e que conte coa xente desde o principio”.
Segundo sinalou, “só así se poderán deseñar servizos públicos que funcionen e cheguen a todos”, garantindo unha cobertura adecuada en todos os barrios e parroquias do municipio.

Deja un comentario