Tuesday 17 de March de 2026

O BNG lanza unha campaña en demanda dun transporte público de calidade na contorna de Santiago de Compostela


Denuncia os graves problemas no servizo e demanda solucións inmediatas á Xunta de Galiza

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de lanzar unha campaña para reclamar un transporte público de calidade e accesible, baixo o lema “Transporte Público e de Calidade, XA!”. Esta iniciativa xorde da denuncia dos graves problemas que afectan ás persoas usuarias nos concellos de Ames, Brión, Padrón, Ordes, Oroso, Negreira, Santa Comba, Trazo, Rois e Vedra, onde o servizo actual non responde ás necesidades básicas da poboación, deixando a moitas persoas sen opcións viables e forzando o uso do vehículo privado.

Esta campaña busca mobilizar á sociedade e presionar para que se adopten medidas urxentes, porque non podemos permitir que o transporte público se converta nun luxo para uns poucos. É un dereito fundamental que o goberno galego debe garantir para todas as galegas e galegos. Contémplanse para iso repartos informativos nos concellos afectados e a recollida de sinaturas dirixidas á Xunta de Galiza.

Deficiencias recorrentes

A campaña pon o foco en problemas recorrentes que comprometen o dereito á mobilidade e impactan directamente na vida cotiá das veciñas e veciños dos concellos da contorna de Compostela, desde a supresión de servizos, até horarios inadecuados, falta de información, autobuses en mal estado ou unha deficiente atención ás usuarias e usuarios.

O BNG denuncia que en non poucas ocasións hai persoas que quedan nas paradas porque os buses chegan ateigados de xente, sen capacidade para recoller máis pasaxeiros. Un problema ao que se suman os cambios nos horarios, que afectan ao estudantado, ao traballo e á vida cotiá: estudantes que non chegan a tempo ás súas aulas de instituto ou universidade ou persoas traballadoras que se ven obrigadas a coller o coche ante a incerteza de cumprir cos seus horarios laborais, incrementando o estrés e os custos persoais.

Canda isto, o BNG subliña que a información dispoñible é escasa, contraditoria ou directamente inexistente, o que complica a planificación das viaxes para as usuarias e usuarios; que os vehículos son vellos, incómodos e carecen de accesibilidade adecuada, o que representa un risco para a seguridade e que as reclamacións presentadas polas persoas afectadas son ignoradas sistematicamente, sen respostas nin solucións por parte da empresa concesionaria ou da administración.

Estes fallos prexudican ás vilas e afectan dobremente á mobilidade no rural, agravando a desigualdade territorial en Galiza. A falta de alternativas fiables, moitas persoas optan polo vehículo privado como única opción viable. Isto ten graves implicacións porque incrementa o tráfico nas estradas, provoca máis atascos, incrementa o consumo de combustíbeis fósiles co conseguinte aumento das emisións de CO2 e outros contaminantes, contribuíndo ao cambio climático e á degradación do medio ambiente.

Nun contexto de emerxencia climática, esta dependencia do coche particular frea a transición cara a unha mobilidade sostible e perpetúa un modelo que prioriza o transporte individual sobre o colectivo. O rural, que depende en gran medida dun transporte eficiente, queda desatendido e con esta situación acelérase o despoboamento e a perda de oportunidades económicas.

Demandas

Por iso desde o BNG, demandamos á Xunta de Galiza unha acción inmediata e decidida para corrixir estas deficiencias. As nosas esixencias inclúen:

Liñas de transporte suficientes e estables, que garantan a conectividade entre os concellos e coas cidades principais.
Horarios útiles e flexibles, adaptados ás necesidades de estudar, traballar e vivir, incluíndo o reforzo do transporte escolar.
Un transporte digno no rural, priorizando as zonas menos poboadas para evitar o illamento.
Un servizo público moderno, accesible e de calidade, con vehículos actualizados, información dixital clara e mecanismos eficaces de atención ás usuarias.

Deja un comentario