A contía final supera os 136.000 euros e o prazo de execución é de tres meses
O Concello de Ribeira continúa avanzando no seu Plan de Sustentabilidade Turística en Destino coa adxudicación da creación dun miradoiro-punto de interpretación da paisaxe en Punta do Castro; unha intervención máis cara a vigorizar espazos do municipio con interese cultural, patrimonial e paisaxístico situados no litoral.
O deseño propón revitalizar a antiga fábrica de salgadura e consolidar a edificación existente, ademais de colocar unha serie de estruturas de balancín que se erixan como un miradoiro, reforzando o vínculo do inmoble co mar. Preténdese así reproducir o mecanismo que se identifica coa industria da salgadura de mediados do século XIX.
O orzamento de licitación situouse nos 143.848,48 euros, con IVE incluído. A empresa Sonense de Granitos, S.L. resultou a adxudicataria por contar coa mellor oferta das dúas que concorreron ao proceso. O prazo de execución das obras será de tres meses e o prezo final do contrato é de 136.656,05 euros, con impostos, financiado con fondos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.