Permanecerá aberto até o 31 de marzo
O consistorio recibiu no primeiro prazo, do 1 ao 15 de marzo, un total de 18 solicitudes de reserva, co que o centro tería aínda dispoñibles 20 vacantes
O Concello de San Sadurniño abriu este luns 16 de marzo o segundo período de solicitude de praza na EIM A Rolada, dirixido ás familias que queiran matricular por primeira vez as súas crianzas en calquera das tres unidades onde queden vacantes tralo período de reserva. O último día para presentar a documentación é o 31 de marzo e o trámite pode facerse a través da Sede Electrónica Municipal ou presencialmente na oficina do rexistro. O Concello pídelles ás familias que no caso de facelo en persoa pasen antes pola escola para verificar que non falta ningún papel. No centro -981 490 369- tamén lles solventarán calquera dúbida sobre o trámite e ampliaranlles información sobre o servizo. Nestes momentos, e de confirmarse todas as solicitudes presentadas no tempo de reserva, habería dispoñibles 20 prazas.
Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas no municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade. Só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño. Ademais tamén teñen prioridade o persoal do Concello, o da propia escola as familias con nenas e nenos xa matriculados, é dicir, o alumnado que pasará en setembro ás aulas de un a dous anos ou de dous a tres, para o que xa foi necesario presentar a solicitude de reserva de praza durante a primeira quincena deste mes.
A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. Segundo as peticións rexistradas ata onte, o Concello recibiu 1 solicitude para a aula de 0-1 ano (quedarían libres 7 prazas), outras 7 para a aula de 1-2 anos (habería dispoñibles 6 prazas) e 12 solicitudes para a aula de 2 a 3 anos, de modo que aínda habería 5 vacantes.
O período de solicitude de admisión para novas incorporacións está aberto até o 31 de marzo. Superado ese tempo, as prazas adxudicaranse segundo os criterios de valoración que figuran no regulamento de funcionamento do centro. O máis habitual nos últimos anos é que sigan quedando vacantes en todas as unidades despois de rematar os períodos de reserva e de nova incorporación.
A documentación que se deberá presentar pode recollerse na EIM A Rolada ou descargarse das ligazóns que hai máis abaixo. Recoméndase pasar polo centro ou polo departamento de Igualdade para verificar que non falta ningún papel antes de rexistralo no Concello, xa sexa presencialmente ou a través da Sede electrónica, onde tamén está habilitado o correspondente procedemento en liña. Na sede tamén se poden descargar os modelos para presentar en papel.
O servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Ademais, en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que a atención sexa realmente de balde para as familias.
O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, tres opcións: xornada completa, media xornada de mañá (9:00 a 13:00h) ou media xornada de tarde (15:00 a 19:00h). Os horarios de tarde están suxeitos a que haxa unha porcentaxe mínima de solicitudes que permitan manter o servizo.
Ás familias que precisen horas a maiores -sen superar as oito-, que deberán sinalarse nas solicitudes ou en calquera momento ao longo do curso, computaráselles como xornada completa. A parte educativa compleméntase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e con saídas e excursións dentro do horario de atención, como parte fundamental do currículo do centro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.