O proceso de admisión escolar para o curso 2026-2027 xa está en marcha. As familias teñen de prazo ata o 20 de marzo para solicitar praza nos centros educativos para o alumnado que se incorpora por primeira vez ao sistema educativo, na etapa de educación infantil de 3 anos.
No caso de Carballo, o proceso afecta especialmente a unha xeración concreta: 205 nenos e nenas nados/as no ano 2023, que iniciarán a súa etapa escolar o vindeiro curso.
Co obxectivo de facilitar os trámites ás familias, o Concello de Carballo enviou cartas a todos os fogares nos que residen estes 205 menores. No envío inclúese o certificado de convivencia do/a neno/a, un dos documentos necesarios para realizar a solicitude de praza nos centros educativos.
Deste xeito, o goberno local pretende simplificar o proceso administrativo e evitar desprazamentos innecesarios ás oficinas municipais, permitindo ás familias dispoñer directamente da documentación necesaria para completar a matrícula.
Onde está a xeración de 2023?
Os datos do padrón municipal amosan que os nacementos rexistrados en 2023 presentan unha distribución desigual entre as diferentes zonas do municipio, o que permite anticipar tamén a demanda de prazas escolares.
- Zonas de maior concentración: a sección 1/29 (zona da rúa Luis Calvo e contorna) concentra 20 nacementos (10 nenos e 10 nenas). Séguena as seccións 1/2 (Avenida de Malpica e Ponte da Pedra) e 1/3 (zona da Avenida Bergantiños), con 15 nacementos cada unha.
- O centro urbano: na sección 1/1, rúas como Rosalía de Castro, con 4 nacementos, ou Doctor Fleming, con 3, concentran unha parte importante da nova xeración.
- O rural e a periferia: noutras zonas do municipio o número de nacementos foi menor. En parroquias como Ardaña, Verdillo ou Cances rexistráronse 2 nacementos no ano 2023.
En Carballo están empadroados nestes momentos 2.937 nenos e nenas de ata 12 anos, o que reflicte o peso da infancia na estrutura demográfica local.
Entre as rúas con maior número de menores destacan a Avenida Bergantiños, con 57 menores, e a rúa Vila de Noia, con 50.
Claves para as familias
As familias poden realizar a solicitude de forma electrónica a través da sede da Xunta de Galicia ou presencialmente nos centros educativos.
Desde a Consellería de Educación lémbrase que cada alumno ou alumna só pode presentar unha única solicitude, que debe formalizarse no centro elixido como primeira opción.
As 205 familias carballesas que afrontan este proceso por primeira vez teñen que tomar agora unha decisión importante: a elección do centro educativo no que os seus fillos e fillas iniciarán unha etapa que marcará os primeiros pasos da súa vida escolar.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.