— Valentín García salienta o papel destes premios para “manter vixente o valioso legado” do Patriarca das Letras Galegas entre as xeracións máis nova”
— O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca que o Goberno galego está a consensuar coas principais institucións culturais galegas o deseño conxunto dunha programación por esta efeméride
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega dos galardóns da quinta edición dos Premios Otero Pedrayo para estudantes de Secundaria e Bacharelato e que distinguiu os institutos Ribeira do Louro, do municipio pontevedrés do Porriño, e o Castelao, de Vigo. Así mesmo, recoñeceu o valor dun traballo dun alumno centro Xulián Magariños, do concello coruñés de Negreira, e que será publicado na revista Trasalba.
No acto, que tivo lugar na Casa Museo do escritor, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñeceulle a este certame, impulsado desde a Fundación Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia, a “importante contribución para ampliar o coñecemento entre as xeracións máis novas do Patriarca das Letras Galegas, que se fai especialmente máis significativa nun edición que coincide co celebración do Ano Oteriano”.
Precisamente, lembrou que o Goberno galego está neste intre traballando coas principais institucións culturais galegas para consensuar o deseño dunha programación conxunta ao redor “dunha das grandes efemérides e citas deste ano en Galicia”. O obxectivo, segundo concretou, é acadar conxuntamente “a posta en valor e a maior difusión da relevancia da figura e valioso legado para o pensamento e identidade da Galicia contemporánea”.
Nesta liña, gabou os traballos presentados nesta edición dos Premios Otero Pedrayo de Secundaria e Bacharelato para “manter vixente entre a mocidade un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia e representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”. Por iso, destacou a importancia de colaborar con este tipo de certames “que promoven o coñecemento das letras galegas e dos persoeiros máis destacados da nosa literatura”.
Traballos premiados
Nesta quinta edición do Premio Otero Pedrayo, o xurado decidiu, por unanimidade, concederlle o primeiro galardón a Os camiños da vida, de Noa Rodríguez Muñoz e Sergio Lage, alumnos de Bacharelato do instituto Ribeira do Louro, do Porriño. Valoraron neste
traballo a calidade da imaxe, a coidada edición e a excelente documentación.
A segunda distinción recaeu en Un meniño naipelo no espello de 14 lugares: Ramón Otero Pedrayo e os seus veráns en Vigo (1895-1901), dun grupo estudantes do instituto Castelao, de Vigo. O xurado salientou o excelente labor de documentación e a
implicación do alumnado.
A maiores deste dous premios, acordouse propoñer a publicación na revista Trasalba, que publica cada ano a Fundación Otero Pedrayo, do proxecto presentado baixo o lema Alon, de Juan Mosquera Magariños, alumno de Bacharelato do centro Xulián Magariños, de Negreira.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.