A Casa da Cultura acollerá o sábado unha segunda presentación a autoridades do mundo cultural, político e social
O Concello de Lousame presentará esta semana a súa campaña “Zernadas de Castro’27”, coa que busca promover a candidatura do cura de Fruime como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027, cando se cumprirán os 250 anos do seu pasamento. Unha campaña na que se fará fincapé “na importancia de Zernadas como primeiro precursor do galeguismo galego, pois xa escribía os seus versos na defensa de Galicia un século antes de Rosalía de Castro e durante unha época tan convulsa como foron os Séculos Escuros”, apunta o alcalde de Lousame, Esteban Ares.
Unha campaña que será presentada aos veciños e veciñas de Lousame este mércores 18 de marzo, ás 20:30 horas, na igrexa de San Martiño de Fruíme, coincidindo coa conmemoración do primeiro “Día Zernadas de Castro”, tal e como acordou por unanimidade a corporación municipal. Un día que será festivo local a partir de 2027, toda vez que os festivos locais de 2026 xa estaban fixados con anterioridade.
Vídeo promocional
O alcalde lousamiá será o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes, dando paso á presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro, Hermitas Rodríguez, quen dará lectura ao acordo plenario para establecer o “Día de Zernadas de Castro”. Tomará o relevo o realizador noiés Luís Avilés, quen presentará o vídeo que vén de realizar para promover a candidatura de Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas 2027.
Un vídeo de pouco máis de catro minutos rodado en Fruime por Luís Avilés, director, guionista e montador da peza, que conta coa colaboración de Nacho Icega e Jorge García como cámaras; as actuacións de Luís P. Martínez (como Zernadas) e Maribel González Vilachán; a narración de Ricardo de Barreiro; a música de Xoán Curiel, cun arranxo do poema de Zernadas de Castro “Meu Chipese”; e o arte, vestiario e atrezzo da man de Teté Baluja e Eduardo Agraso, técnicos de Cultura de Lousame. Finalmente, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, presentará a campaña que se vai desenvolver nas redes sociais baixo o cancelo #EuConZernadas así como o logotipo oficial da iniciativa.
Tras a presentación, todas as persoas asistentes desprazaranse ata o adro da igrexa, onde a Banda de Música de Lousame interpretará o Himno Galego e tanto Esteban Ares como Hermitas Rodríguez farán unha ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro. A Banda de Música de Lousame interpretará varias pezas mentres que a Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruime ofrecerá uns petiscos aos asistentes.
Presentación do sábado
O sábado 21 de marzo, a partir das 12:00 horas, a Casa da Cultura Santeiros de Chave acollerá a segunda presentación da campaña “Zernadas de Castro’27”, na que se agarda a participación de numerosas autoridades entre alcaldes e concelleiros da contorna de todos os grupos municipais. A día de hoxe, xa teñen confirmada asistencia deputados autonómicos como Borja Verea e Silvia Longueira, así como a deputada provincial de Igualdade Sol Agra Tuñas, entre outros.
O alcalde Esteban Ares García será o encargado de dar a benvida a todas as persoas asistentes. A música de Xoán Curiel, quen interpretará ata catro poemas musicalizados de Zernadas de Castro, separará as distintas partes do evento: proxección do vídeo promocional da candidatura do Cura de Fruíme; e as intervencións do xornalista e escritor Xosé Manuel Rivas Troitiño, autor de “Diego Antonio Zernadas y Castro, un precursor del Galleguismo”, e do escritor e ensaísta Xulio Pardo de Neyra, quen xa ten ofrecido conferencias sobre Zernadas de Castro e a súa obra.
Ambos actos están abertos á participación dos veciños e veciñas de Lousame, se ben no caso da presentación en Fruíme o aforo xa está cuberto a día de hoxe. Aquelas persoas que desexen participar na presentación do sábado 21 de marzo na Casa da Cultura deberán anotarse enviando un mail a: culturalousame@gmail.com.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.