A preinscrición nas actividades, todas elas gratuítas, abriranse este mércores 18 de marzo, ás 9.00 horas
O Concello, a través da rede municipal de Museos Científicos Coruñeses e en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío, convoca talleres formativos sobre a observación de eclipses, dirixidos especificamente a profesorado, persoal técnico de cultura e profesionais de atención sociocultural, co obxectivo de que despois lle poidan transmitir os coñecementos ao conxunto da cidadanía.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, lembrou que o vindeiro 12 de agosto, na cidade da Coruña será posible ver unha eclipse total de Sol, un evento excepcional e único “que atraerá a milleiros de visitantes” e para o que é importante prepararse con antelación.
Os talleres organizados na Casa das Ciencias buscan, precisamente, contribuír a este obxectivo de formación. Terán lugar os días 26 de marzo, 16 e 30 de abril, 14 e 21 de maio, en horario das 17.00 ás 19.00 horas.
Cada actividade comezará cunha sesión no planetario, onde se explicará a xeometría das eclipses e se indicarán os mellores lugares para ver a próxima eclipse do 12 de agosto desde A Coruña e os seus arredores. A segunda parte da actividade terá lugar na sala de actividades do museo, situada no seu edificio xunto á fonte da bóla dentro do parque de Santa Margarida, onde se abordarán as dúbidas das persoas participantes e se construirá unha cámara escura cunha caixa de cartón, instrumento que permite observar calquera eclipse de Sol con total seguridade para os nosos ollos.
Esta actividade é gratuíta e para participar só será necesario preinscribirse a través deste formulario en liña, a partir das 9.00 horas deste mércores 18 de marzo. Todo o material necesario para participar no taller proporcionarao o museo. A Casa das Ciencias programará máis adiante outras actividades sobre a observación da eclipse abertas á cidadanía en xeral.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.