· A actividade terá lugar o 20 de marzo, ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal
· Estará protagonizado por Andy da Fonte, Sara Dieste, Melina Parada e Jonatan Jorge Guille e contará coa participación da soprano Esperanza Mara
O Concello da Pobra do Caramiñal celebrará este venres, 20 de marzo, ás 20.00 horas, a terceira edición do seu acto conmemorativo do Día Mundial da Poesía, unha iniciativa que chega tras o éxito das dúas edicións anteriores e co que se busca seguir achegando este xénero literario á veciñanza.
O evento terá lugar no auditorio da biblioteca e contará coa participación especial da soprano Esperanza Mara, que ofrecerá unha actuación cunha voz e unha posta en escena únicas.
O recital poético estará protagonizado polas voces de Andy da Fonte (A Pobra do Caramiñal), Sara Dieste (A Pobra do Caramiñal), Melina Parada (Ribeira) e Jonatan Jorge Guille (Lugo), que compartirán diferentes textos e creacións.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, explicou que esta actividade “xurdiu dunha idea que fomos traballando pouco a pouco” e que ten como obxectivo “poñer en valor e potenciar o talento local, contando con persoas da contorna para protagonizar o recital”.
Segundo indicou a edil, esta celebración serve para “dar a benvida á primavera”, xa que cada ano o municipio abre simbolicamente a estación coa conmemoración deste día, que se celebra oficialmente o 21 de marzo.
Ademais, o acto incluirá ao remate micro aberto, no que as persoas asistentes poderán participar lendo poemas.
Lojo convidou á veciñanza a achegarse ao auditorio para participar nesta cita cultural, destacando que “a poesía sempre está acompañada de momentos especiais”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.