Friday 22 de November de 2024

Feijóo e Tabaré avalían novas posibilidades de colaboración entre Galicia e Uruguai centrándose en sectores como as enerxías renovables para non depender do petróleo e dos seus derivados


O presidente da Xunta refírese ás oportunidades da enerxía eólica mariña, sector no que Galicia está construíndo, neste momento, os principais parques de eólica mariña de Europa

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da República Oriental do Uruguai, Tabaré Vázquez, avaliaron durante un encontro mantido na tarde de onte (22,00 horas en Galicia), novas posibilidades de colaboración entre Galicia e Uruguai, centrándose en sectores como as enerxías renovables para non depender do petróleo e dos seus derivados.

“Coincidimos en que non podemos ser cativos do petróleo e dos seus derivados e de que temos enerxía e capacidade instalada para ter enerxías renovables tanto hidráulica como eólica, fotovoltaica e biomasa. Sobre esta última, no caso de Galicia, que conta co 46% do total da masa forestal de España, estamos neste momento investindo en biomasa eléctrica e térmica”, dixo o titular da Xunta, recordando que tanto Uruguai como Galicia están a traballar para conseguir un modelo enerxético 100% renovable.

Así mesmo,Tabaré e Feijóo avaliaron máis polo miúdo as oportunidades da enerxía eólica mariña, sector no que Galicia está construíndo, neste momento, os principais parques de eólica mariña de Europa: tanto no referido a torres de 40 metros que van suxeitas ao fondo mariño, como torres flotantes de 3.000 toneladas de aceiro.

Proxecto estratéxico de infraestruturas de Uruguai
Tras o encontro, o responsable do Goberno galego destacou positivamente o feito de que o Goberno de Uruguai estea a valorar a posibilidade de presentar en Galicia o Proxecto de Infraestruturas do país, “que conta cun valor de máis de 12.500 millóns de dólares de investimento”. “Para nós sería unha grande honra que o proxecto estratéxico de infraestruturas do país se presentase en Galicia, para España e para o resto de Europa”, aseverou, subliñando que se trata dun proxecto ambicioso, de modernización do país e con participación público-privada para activar o investimento na economía de Uruguai.

Tabaré e Feijóo coincidiron na importancia das estradas e de recuperar o ferrocarril para mercadorías e pasaxeiros en Uruguai. E, en materia de hospitais insistiron na oportunidade da coordinación dos hospitais de orixe español. “E tamén falamos da posibilidade de poñer a disposición do país o sistema de tratamento de residuos, un tema que pode ser interesante para Uruguai que ten unha poboación similar a Galicia”, engadiu, o responsable do Goberno galego.

Logo de invitar ao presidente de Uruguai a visitar Galicia, “a terra dos seus avós”, e expresar “o recoñecemento á amizade e á cordialidade coa que este país tratou desde sempre aos galegos”; Feijóo quixo tamén trasladar a Tabaré Vázquez a solidariedade do pobo galego ante as inundacións que están a sufrir algunhas zonas.