O Concello de Neda convoca o proceso selectivo para cubrir as catro prazas de albaneis, das que disporá a cuadrilla municipal, que se porá en marcha ao abeiro da subvención do PEL- Concellos 2026 da Deputación da Coruña. A partir de mañá, e por un prazo de cinco días hábiles, as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes para optar a estes postos.
Trátase de catro empregos a tempo parcial (87,5 % da xornada), por un período de seis meses. A proposta laboral vai destinada, como en anos anteriores, a acadar a inserción laboral de persoas desempregadas en situación de exclusión social, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas, mediante a realización de obras de posta a punto e reparación de vías e espazos públicos.
Así, poderán presentar candidatura ata o martes 24 de marzo no Rexistro Xeral do Concello (sede electrónica), veciños e veciñas maiores de 45 anos; menores de 30; mulleres; desempregados de longa duración (máis dun ano na busca de emprego); persoas cun grado de discapacidade por riba do 33%; persoas que vivan nun fogar no que ninguén teña emprego, persoas de fogares monoparentais… En calquera caso, deberán contar coa categoría profesional requirida, e capacidade para levar a cabo as tarefas.
Na selección valorarase a experiencia previa en traballos similares, a formación específica neste oficio, e a dispoñibilidade de carné de conducir, ademais de circunstancias socioeconómicas das persoas candidatas.
As bases da convocatoria, así como o modelo de solicitude de admisión ao proceso selectivo, están dispoñibles nas oficinas xerais da casa consistorial e na web municipal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.