Son os primeiros Orzamentos do mandato de Sandra Permuy na alcaldía do Concello de Fene, e saíron adiante cos votos do BNG e EU
O documento prioriza a revisión do PXOM, o reforzo do benestar social, a mellora das condicións do persoal municipal e o investimento nos servizos públicos
O Concello de Fene aprobou hoxe en pleno o orzamento municipal para o ano 2026, que ascende a 15.557.440,84 euros. Trátase dos primeiros orzamentos do mandato da alcaldesa Sandra Permuy, que saíron adiante cos votos favorables do grupo de goberno, formado polo Bloque Nacionalista Galego e Esquerda Unida, a abstención do PSOE e o voto en contra do Partido Popular.
O documento económico establece como prioridades impulsar a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), reforzar a área de Benestar Social e Igualdade, mellorar as condicións de traballo do persoal municipal e investir no mantemento e mellora dos servizos públicos.
En termos xerais, o obxectivo do proxecto de orzamentos para 2026 é garantir servizos públicos eficaces e eficientes, apoiar a economía local e o emprego e reforzar a protección social, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da veciñanza.
Cinco eixos fundamentais
O proxecto orzamentario estrutúrase arredor de cinco obxectivos principais.
O primeiro deles é impulsar a área de urbanismo, coa previsión de iniciar a revisión do PXOM mediante un modelo pactado e participativo, así como coa adquisición de terreos necesarios para o seu desenvolvemento. Entre eles figuran parcelas destinadas a equipamentos públicos, como o futuro centro de saúde, zonas verdes como o parque do Cádavo, ou actuacións de apertura e mellora de rúas.
O segundo eixo céntrase en reforzar o benestar social, continuando co apoio ao movemento asociativo e ás entidades que desenvolven actividades de carácter social, especialmente aquelas dirixidas ás persoas máis vulnerables. O orzamento tamén aposta polo impulso das actividades culturais, deportivas e educativas como ferramentas de cohesión social.
O terceiro obxectivo é mellorar os servizos públicos e o mantemento dos equipamentos municipais. Neste ámbito prevese a licitación da xestión do ciclo da auga, a ampliación dos servizos básicos en todo o termo municipal, o reforzo do mantemento da rede viaria tras un inverno especialmente duro e o impulso do colector marrón, que permitirá avanzar na recollida selectiva de residuos.
Outro dos eixos do orzamento é continuar e ampliar as políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, desenvolvendo e ampliando as medidas acordadas polo pleno municipal nos últimos anos.
Finalmente, o documento tamén contempla seguir avanzando na mellora das condicións de traballo do persoal municipal, mantendo o diálogo coa representación sindical para implementar a carreira profesional, promover a promoción interna e completar os procesos selectivos xa convocados para cubrir de forma definitiva diversas prazas vacantes.
Un documento froito do traballo colectivo
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “este orzamento é o resultado do traballo realizado polos distintos departamentos municipais, polas concelleiras do equipo de goberno e polo persoal da área económica”, agradecendo “a implicación e a dedicación de todas as persoas que participaron na súa elaboración”.
Permuy sinalou tamén que os concellos “somos a administración máis próxima á xente e a que mellor coñece as necesidades reais da veciñanza”, especialmente nun contexto internacional marcado pola inestabilidade económica e polos conflitos que teñen consecuencias directas na vida diaria das persoas.
A rexedora subliñou que os gobernos locais deben facer fronte “a retos importantes como o envellecemento da poboación, o despoboamento ou o aumento dos custos na prestación de servizos públicos”, ao tempo que reclamou avanzar nun debate sobre o financiamento local, que permita dotar aos concellos de máis recursos para responder ás necesidades da cidadanía.
Neste sentido, destacou tamén a importancia de instrumentos de cooperación institucional como o Deputación da Coruña, que permiten aos concellos contar con maior flexibilidade na xestión dos seus recursos.
Pola súa banda, o concelleiro de Facenda, Justo Ardá, explicou que o orzamento de 2026 “constitúe o documento básico de planificación económica do Concello e recolle de maneira sistemática as previsións de ingresos e gastos para o exercicio”, garantindo ao mesmo tempo os principios de transparencia, estabilidade financeira e control público da actividade municipal.
Ardá sinalou que o documento mantén “un equilibrio entre a responsabilidade económica e a vontade de seguir avanzando en políticas que melloren a calidade de vida da veciñanza”, consolidando ao mesmo tempo os servizos municipais e os programas de apoio social.
Desde o Concello de Fene subliñan que estes orzamentos responden ao obxectivo de construír un municipio socialmente cohesionado, economicamente sustentable e atractivo como espazo de convivencia, reforzando os servizos públicos e o benestar da poboación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.