Monday 16 de March de 2026

O BNG reclama investimentos que revertan o abandono das instalacións portuarias de Ribeira


Luís Pérez Barral acusa á Xunta de “deixar caer” as instalacións portuarias de Ribeira

O BNG de Ribeira denunciou o estado de abandono e falta de mantemento das instalacións portuarias do municipio, unha situación que consideran “insostible” e que afecta tanto á seguridade como á actividade diaria de veciñanza e profesionais do mar.

O exalcalde de Ribeira e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, criticou a “total falta de resposta da Xunta ante problemas que levan meses —e mesmo anos— sen resolverse, malia seren comunicados en repetidas ocasións”.

Entre as deficiencias máis evidentes, o BNG sinala a falta de limpeza xeneralizada e o mal estado do pavimento das estradas no porto de Ribeira, que presentan un deterioro considerable. Agora tamén se suma a falta da tapa dun sumidoiro dende hai máis de 10 días a carón da lonxa vella facendo que haxa un oco de varios metros que está tapado cunha roda de camión. “Este é un exemplo da falta de xestión e supón un perigo evidente tanto para peóns como para vehículos”.

Ademais, o peirao da Ameixida leva xa un mes sen iluminación, mentres que os portos de Corrubedo e Castiñeiras sofren cortes constantes de luz facendo que estean a escuras durante horas sen que se resolva o problema de maneira definitiva.

Outra das situacións máis preocupantes é a das escaleiras de pedra do porto de Aguiño, que levan aproximadamente un ano esnaquizadas, sendo un risco para os mariñeiros que as empregan tódolos días ou que o muro do porto de Corrubedo leve meses roto sen que se poñan as pedras novamente no seu sitio.

“Estamos a falar de problemas básicos de mantemento que afectan directamente á seguridade e ao funcionamento dos peiraos. Non é aceptable que, despois de trasladar as incidencias en numerosas ocasións, a Xunta siga sen actuar. No que non falla Portos é no cobramento das súas taxas para logo deixar esmorecer as instalacións”, recriminou Barral.

O portavoz nacionalista tamén lamentou a falta de implicación do goberno municipal, “interesado en defender por riba de todo os intereses do PP e ocultar a mala xestión da Xunta”. Os nacionalistas recordan que existe un concelleiro con responsabilidades na área de Mar que percibe preto de 20.000 euros anuais do Concello de Ribeira, que foi incapaz de trasladar estas incidencias nin tampouco de reclamar ante a Xunta os investimentos necesarios.

Ademais, o BNG denuncia a opacidade arredor da retirada do barco Awadi, que quedou completamente destruído tras un incendio ocorrido no mes de setembro e que, seis meses despois, continúa no porto sen que exista información sobre prazos concretos para a súa retirada. “Resulta incomprensible que medio ano despois o barco siga alí abandonado, sen un calendario de actuacións. Esta falta de transparencia e de xestión é outro exemplo máis do desleixo coa que se están tratando os portos de Ribeira”, criticou Luís Pérez Barral.

Desde o BNG lembran que presentaron emendas aos Orzamentos da Xunta para o ano 2026 co obxectivo de destinar 150.000 euros a melloras nas instalacións portuarias de Ribeira, unha proposta que foi rexeitada polo Partido Popular. “Mentres o PP vota en contra de investir nos nosos portos, as instalacións continúan deteriorándose e os problemas fanse cada vez máis grandes e custosos de resolver”, afirmou Barral.

Con todo, desde o BNG aseguran que seguirán insistindo e defendendo os intereses de Ribeira para que os portos do municipio conten co mantemento e os investimentos que precisan. “Os peiraos son infraestruturas de traballo para o sector do mar e tamén para a veciñanza. Desde o BNG imos continuar traballando para que Ribeira teña uns portos mellor coidados”, concluíu o portavoz nacionalista.

Deja un comentario