Monday 16 de March de 2026

O PSdeG acusa ao Goberno da señora Sanmartín de perder tres anos co contrato da auga e esixe decisións inmediatas


Marta Abal critica o enfoque “ideolóxico” do executivo local e denuncia máis de 80.000 euros gastados en estudos sen solucións reais.

A concelleira socialista reclama unha concesión con control público para garantir investimentos, mellorar o servizo e responder ás necesidades do rural.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal criticou a xestión do Goberno da señora Sanmartín no contrato da auga e asegurou que as últimas declaracións da alcaldesa “confirman tres anos perdidos para Santiago”.

Abal advertiu de que, tras todo este tempo, o propio executivo local recoñece que actuou “desde un enfoque ideolóxico” e non desde unha análise rigorosa dos custos, da viabilidade dos investimentos nin do impacto nas tarifas. Segundo sinalou, nestes anos “gastáronse arredor de 80.000 euros en estudos teóricos sen dar resposta ás necesidades reais do municipio”.

A concelleira socialista denunciou que mentres se prolongaba esta situación “os problemas foron a máis”, cunha rede obsoleta, roturas constantes, un servizo deficiente e carencias básicas no rural en materia de abastecemento e saneamento. Ao seu xuízo, estes datos evidencian a falta de planificación e de decisión política para resolver unha cuestión esencial para a cidade.
Desde o Grupo Municipal Socialista, Abal reiterou a defensa dunha alternativa clara baseada nun modelo de concesión “cun prego ben deseñado e con mecanismos eficaces de control público” que permita garantir un servizo eficaz, investimentos suficientes e a defensa do interese xeral.

Neste sentido, criticou tamén a actitude do Goberno local, que ao seu entender amosa “falta de rigor” e unha forma de actuar “cada vez máis autoritaria”, baseada en impor posicións en lugar de procurar acordos amplos.
“Santiago non precisa máis improvisación nin propaganda; precisa un Goberno serio que tome decisións útiles para mellorar de inmediato un servizo esencial para a cidadanía”, concluíu.

Deja un comentario