O encontro contou co apoio de Turismo de Galicia, que está a potenciar esta oferta turística a través de varias iniciativas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu esta mañá á 44 convención anual do Grupo Europa Viajes, que se celebrou no Hotel Finisterre da Coruña, que contou co apoio da Xunta de Galicia e na que participan 160 axentes de viaxe de distintas partes de España.
Xosé Merelles confirmou a aposta que se está a facer desde o Goberno galego por favorecer o turismo de negocios na comunidade e, especificamente, na cidade da Coruña como un dos destinos con maiores recursos para esta modalidade. Neste sentido, subliñou que a Xunta traballa en distintas iniciativas que favorecen a celebración deste tipo de reunións e encontros.
Xosé Merelles destacou as fortalezas de Galicia como destino con capacidade para competir no mercado MICE. Así, aludiu ás recentes melloras en infraestruturas, á ampliación da capacidade hoteleira e á profesionalización do ecosistema de servizos asociados.
“Galicia destaca en accesibilidade, con conexións aéreas entre distintos destinos a través dos tres aeroportos da comunidade e unha rede ferroviaria que conecta en tres horas con Madrid. Ademais, ten recintos moi versátiles nas principais localidades, que facilitan o deseño de distintos eventos”, sinalou. Tamén incidiu na oportunidade que supón o Xacobeo 2027 á hora de celebrar congresos na comunidade, supoñendo unha experiencia dual e gañando en visibilidade.
O director de Turismo de Galicia gabou a posición de referencia da cidade da Coruña no mercado MICE ao aludir á celebración do próximo MIS Internacional, que se desenvolverá na vila herculina entre o 27 e o 29 de setembro. Este é un dos eventos de referencia no sector, punto de encontro destacado entre organizadores MICE internacionais, destinos e empresas especializadas no turismo de negocios.
O turismo MICE é un segmento de alto valor engadido, lembrou o director de Turismo de Galicia, xa que o gasto medio diario supera os 200€ por persoa e día. Ademais, permite avanzar na desestacionalización, ao promover actividades durante todo o ano.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.