Monday 16 de March de 2026

Mila Castro tacha de “irresponsable e covarde” a intención de Sanmartín de decidir a xestión da auga sen pasar polo pleno


• As Non Adscritas denuncian que a Alcaldesa pretenda decidir o modelo de xestión de forma “unilateral”, malia existir un acordo do pleno “respaldada tamén polo BNG e CA” que atribuía esa decisión á Corporación.

• Advirte da inseguridade xurídica que podería “custar a paralización” dunha hipotética licitación de non contar con este trámite.

A concelleira non adscrita do Concello de Santiago, Mila Castro, criticou duramente o cambio de postura da alcaldesa, Goretti Sanmartín, sobre a renovación do contrato do ciclo integral da auga e acusouna de incorrer nunha “nova contradición” ao anunciar que será a Xunta de Goberno local quen decida o modelo de xestión.

Segundo Castro, esta decisión supón abandonar o discurso previo do goberno municipal sobre a “cultura democrática” e o respecto aos acordos do pleno. A edil lembrou que no pasado mandato a Corporación municipal acordou —co apoio de Bloque Nacionalista Galego, Compostela Aberta e Partido Popular— que fose precisamente o pleno quen decidise o modelo de xestión do servizo.

“A señora Sanmartín antes consideraba correcto bloquear o contrato da auga cando outras tratabamos de renovalo, e agora quere saltarse os acordos que ela mesma impulsou porque é ela quen padece o bloqueo”, sinalou Castro.

A concelleira cualificou de “insultante” esta actitude e asegurou que implica desdicirse do discurso mantido ata agora sobre o respecto ás decisións adoptadas democraticamente pola Corporación. Ao seu xuízo, a alcaldesa tiña a opción de facilitar a aprobación do contrato no pleno municipal cambiando o seu voto en contra por unha abstención, algo que finalmente non fixo.

Recursos públicos e tempo

Ademais, a edil denunciou o que considera unha mala xestión dos recursos públicos. “O goberno local enredou durante case tres anos de mandato para gastar 80.000 euros nun estudo que non serviu para nada”, afirmou, engadindo que agora será necesario investir “outras decenas de miles de euros” para actualizar o estudo económico realizado no anterior mandato.

Castro lembrou que o contrato podería terse renovado hai tres anos e medio, cando ela mesma solicitou o respaldo do pleno -sendo concelleira de Servizos Básicos, durante a Alcaldía de Sánchez Bugallo- para facelo. Naquel momento, sinala, Sanmartín “bloqueouno abandeirando o sentir maioritario da Corporación”, mentres que agora defende que sexa a Xunta de Goberno quen saque adiante o proceso.

Inseguridade xurídica e paralización dunha hipotética licitación

Finalmente, advertiu de que saltar “de forma tan flagrante” un acordo plenario podería provocar problemas de inseguridade xurídica e mesmo a paralización dunha futura licitación do servizo. “Irresponsabilidade, covardía e veremos tamén se inseguridade xurídica, porque saltarse de xeito tan flagrante un acordo destas características, podería custar a paralización dunha futura licitación”.

Lembra ademais que existe outro acordo anterior de novembro do 2018 sobre a creación dunha comisión que debía informar sobre a forma máis sostible e eficiente de xestionar ese servizo. Para Castro, “non hai mellor mostra das dúas maneiras de entender un goberno en minoría: Sanmartín tomando unha decisión unilateral que hipotecará como mínimo as cinco próximas Corporacións Municipais, fronte a nós, que respectamos o acordo plenario e agora optamos por unha postura leal e consecuente ofrecendo os nosos votos a favor para viabilizar a renovación da concesión” concluíu.

Deja un comentario