A O Concello de Ponteceso iniciou a reposición dos traxes de rescate técnico e forestal destinados ao persoal operativo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), co obxectivo de garantir que os efectivos dispoñan do equipamento axeitado para desenvolver o seu traballo nas mellores condicións de seguridade e eficacia.
Esta actuación enmárcase na planificación municipal de reforzo dos medios materiais do servizo e de mellora da seguridade operativa, en liña coas medidas de organización, prevención e dotación de equipamentos que o Concello vén impulsando no GES.
Os traxes de rescate técnico e forestal constitúen unha peza fundamental do equipamento operativo do grupo, ao estar destinados a ofrecer protección en distintas tipoloxías de intervención, desde incendios forestais ata rescates, asistencias en emerxencias e outras incidencias nas que resulta imprescindible contar cunha protección técnica específica.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou que “é necesario seguir dotando ao GES dos medios e equipamentos necesarios para que os profesionais que integran o servizo poidan desenvolver o seu labor coas máximas garantías”. Neste sentido, lembrou tamén que “a intensa campaña de incendios do verán de 2025 puxo de manifesto, unha vez máis, a importancia de contar con servizos de emerxencias ben preparados e correctamente equipados para facer fronte a situacións de especial complexidade”.
Desde o Concello sublíñase que esta reposición dá continuidade á liña de traballo desenvolvida para mellorar a organización interna do servizo, reforzar a prevención de riscos laborais e avanzar na dotación de medios do GES, un recurso esencial na resposta inmediata ante situacións de risco ou emerxencia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.