Monday 16 de March de 2026

Belén do Campo participa no Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras na Mesa Informativa na Praza de Lugo


A delegada da Xunta na Coruña puxo en valor o compromiso da Xunta coa defensa e promoción dos dereitos da cidadanía no ámbito do consumo para facilitar ferramentas útiles para previr conflitos, resolver dúbidas e garantir que se respecten os seus dereitos

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe na praza de Lugo da Coruña as actividades organizadas polo Goberno galego con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, que se conmemora cada 15 de marzo cun programa de accións divulgativas e formativas nas principais cidades galegas. O acto tamén contou coa asistencia de Rosa Otero, Presidenta da Asociación de Amas de Casa. A actividade centrouse nun stand móbil no que lle facilitou información aos cidadáns con reparto de obsequios.

Durante a súa visita, a delegada puxo en valor o compromiso da Xunta coa defensa e promoción dos dereitos da cidadanía no ámbito do consumo. “Unha persoa consumidora ben informada é unha persoa máis libre e máis protexida”, recalcou. “O noso obxectivo é facilitar ferramentas útiles para previr conflitos, resolver dúbidas e garantir que se respecten os seus dereitos”, sinalou.

Puntos informativos nas prazas de abastos
Belén do Campo informou que na xornada do sábado establecéronse puntos de información ao consumidor nas prazas de abastos das sete principais cidades galegas e no caso da Coruña na praza de Lugo. Nestes espazos invítouse á cidadanía a coñecer con maior detalle os seus dereitos e os recursos que a Administración autonómica pon á súa disposición para asesorar, acompañar e, se é necesario, intervir para restituír os seus dereitos.

O Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras foi instaurado en 1983 por Nacións Unidas para lembrar os dereitos que asisten a todas as persoas como consumidoras e usuarias. A data escolleuse en referencia ao discurso pronunciado o 15 de marzo de 1962 polo presidente dos Estados Unidos, John F. Kennedy, ante o Congreso do seu país, no que se recoñeceu por primeira vez ao consumidor como parte fundamental do proceso produtivo e se instou aos poderes públicos a adoptar medidas específicas para a protección dos seus dereitos.

Actividades durante todo o mes de marzo
A Xunta de Galicia celebra esta efeméride cun conxunto de actividades que se desenvolven ao longo de todo o mes, con especial intensidade na semana do 15 de marzo.
Belén do Campo destacou a importancia de que a cidadanía coñeza máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras. Tamén sobre as ferramentas que a administración autonómica pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos. Entre estes recursos está o teléfono de balde 900 23 11 23, e na oficina da Coruña no edificio administrativo da Xunta de Galicia e os convenios asinados coas diferentes organizacións de consumidores de Galicia.
As actividades de hoxe súmanse ás desenvolvidas ao longo da semana con motivo desta efeméride, como o acto do xoves, no que se presentaron as conclusións extraídas do proceso de escoita activa impulsado pola Xunta para a elaboración da Estratexia galega de protección das persoas consumidoras 2026-2030.
Nesta conmemoración tamén se enmarca o programa divulgativo que leva desenvolvendo todo este mes o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e no que están a participar 10.000 alumnos e alumnas de 115 centros educativos, co que a Escola Galega de Consumo superará con creces neste 2026 a media de 20.000 persoas formadas ao longo do ano.
A delegada concluíu destacando que “a protección das persoas consumidoras é unha tarefa continua que require información, prevención e colaboración institucional. Con estas actividades queremos achegar a administración á rúa e reforzar a confianza da cidadanía nos mecanismos públicos de defensa dos seus dereitos”.

Deja un comentario