– A empresa concesionaria reduciu o número de persoas encargadas do control aéreo, de 10 a 7.
– En varias ocasións incumpriu a súa obriga de notificar as limitacións operativas do servizo.
– Os intereses económicos da concesionaria non poden poñer en risco a seguridade das persoas que vivimos nos arredores do aeroporto e soportamos os inconvintes da súa actividade.
O BNG de Culleredo levou ao último Pleno Municipal unha moción esixindo garantías no funcionamento do control aéreo no aeroporto de Albedro, logo de reunirse con representantes do persoal do aeroporto encargado de dita labor, que puxeron de manifesto serias deficiencias no control aéreo desde a privatización do servizo.
Segundo o persoal, a empresa reduciu o persoal (pasando de 10 a 7 controladores) e en varias ocasións incumpriu a obriga de publicar as notificacións de limitacións operativas (NOTAM), ocultando intencionadamente a situación deficitaria do servizo. A propia empresa recoñeceu en sede xudicial dificultades para facer frente ás súas obrigas económicas e laborais.
Estes incumprimentos poderían dar lugar á retirada da licenza á empresa, segundo os mínimos esixidos pola Lei 21/2003, e poderían pór en grave risco á poboación de Culleredo e dos concellos veciños que estamos afectados pola actividade do aeroporto de AENA.
A moción, aprobada por unanimidade, insta a AENA a investigar a solvencia da empresa concesionaria, a existencia do persoal necesario para o correcto funcionamento da torre de control, e o cumprimento dos seus deberes laborais. Tamén se demanda que se lle obrigue a garantir a cobertura óptima do servizo e garantir a asistencia 24 horas para voos de emerxencia médica da Organización Nacional de Transplantes.
Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño “a seguridade dunha instalación como o aeroporto, máxime cando vai ver incrementado o seu tráfico co peche temporal por obras do aeroporto Rosalía de Castro – Lavacolla, non pode quedar condicionada polos intereses económicos dunha empresa privada, que reduce persoal para maximizar os seus beneficios. Tampouco se lle pode permitir que, por eses intereses económicos, o aeroporto deixe de estar operativo para servizos tan importantes como os transplantes. As persoas que vivimos ao redor do aeroporto soportamos innumerábeis molestias polo seu funcionamento. Que menos que o aeroporto dea un retorno social colaborando no funcionamento do servizo público de saúde.”



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.