Sunday 15 de March de 2026

Aberto o prazo para anotarse na “III Xuntanza de mulleres de Neda”


O Concello de Neda abre hoxe venres o prazo de inscrición para a terceira edición da “Xuntanza de mulleres de Neda”. A iniciativa de lecer, que incluirá un xantar e música no tempo da sobremesa, está programada para o domingo 29 de marzo, poñendo punto final á programación especial do 8M.
A actividade desenvolverase no centro cívico, a partir das 14 horas, e concíbese como unha escusa para animar ás mulleres a aparcar por unhas horas a vida e responsabilidades familiares para pasalo ben, compartindo un tempo de lecer con outras mulleres da súa e doutras xeracións.
O menú previsto para a ocasión constará de lagostinos, pescada en salsa, sobremesa e café. E unha vez rematado o xantar, completarase con música en directo para un fin de festa por todo o alto.
As mulleres que queiran desfrutar deste encontro terán que apuntarse no primeiro andar da Casa Consistorial. O cota de participación será de 25 euros. Ata o día 18 só poderán anotarse persoas que residan no municipio. No caso de haber vacantes, logo poderán sumarse mulleres doutros municipios. En calquera caso, a data tope para apuntarse será o 25 de marzo.
A actividade porá, un ano máis, o broche de ouro á oferta de actividades polo Día internacional da muller, que conta co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Deja un comentario