Sunday 15 de March de 2026

Goretti Sanmartín anuncia que o goberno levará ao pleno de marzo a aprobación definitiva da modificación do PXOM na parcela de Peleteiro


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres para abordar asuntos de interese para Compostela e avanzou que o goberno levará ao pleno ordinario deste mes de marzo a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do PERI 12, comunmente coñecida como a parcela do antigo colexio Peleteiro.
Goretti Sanmartín anuncia que o goberno levará ao pleno de marzo a aprobación definitiva do PXOM na parcela de Peleteiro
Sanmartín Rei indicou que o Concello acaba de recibir o informe favorable a todos os termos da modificación por parte da Dirección Xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia.

Este informe confirma que a proposta pode ser aprobada definitivamente. Unicamente sinala que cómpre incorporar ao expediente o informe de Augas de Galicia, que xa consta desde novembro de 2025 e é tamén totalmente favorable.

A proposta modifica a ordenación e os usos do ámbito con distintos obxectivos e pon o foco no uso residencial e a vivenda protexida no corazón do Ensanche, cun 45% como mínimo de vivenda protexida. A modificación, que conta co visto e prace da Xunta, tamén permitirá evitar a implantación dunha gran superficie comercial e dun hotel, protexendo a configuración comercial característica do Ensanche, con negocios a pé de rúa, nos que quedan excluídos pubs e discotecas.

Ademais, a aprobación definitiva desta modificación garantiza as dotacións públicas de cesión obrigatoria e o aproveitamento urbanístico ponderado para non alterar o equilibrio de beneficios e cargas, é dicir os 900 m2 dun equipamento público e 1.395 m2 de espazo libre público.

Goretti Sanmartín destacou o importante esforzo que se fixo para encaixar todas as pezas neste puzle complexo, tanto desde o punto técnico como político e indicou tamén que durante este proceso houbo diálogo tanto coa veciñanza como coa propiedade, así como coa corporación municipal para chegar a acordos e transformar este espazo e revitalizar o Ensanche: “É un triunfo colectivo do que nos temos que parabenizar conxuntamente”.

Unha vez superado o trámite de aprobación definitiva, a propiedade poderá impulsar a xestión das parcelas e a súa transmisión á nova empresa de vivenda creada polo Estado, Casa 47, encargada de promover o desenvolvemento urbanístico.

Xestión da agua

Noutra orde de cuestións, a rexedora municipal referiuse á situación do contrato da auga e incidiu en que este goberno “non vai quedar parado”. Así, indicou que, sexa cal for a modalidade entre as dúas sobre as que xirou o debate (concesión ou empresa mixta), cómpre unha análise obxectiva dos custos da xestión do servizo e o programa de investimentos, así como das tarifas para a poboación abonada.

Polo tanto, o goberno vai impulsar, aproveitando o traballo feito, a revisión e actualización dos estudos de custo e viabilidade e vai encargar unha auditoría dos custos da prestación actual para contar co máximo contraste de datos, tanto de cara á nova configuración do servizo como á liquidación do contrato antigo.

“Este goberno vai impulsar xa a regularización do servizo de abastecemento e saneamento, sen agardar por quen non quere máis que enredar”, afirmou a rexedora municipal. Neste sentido, constan informes xurídicos acerca de que non fai falta o pronunciamento do Pleno se a forma de xestión non muda, é dicir, se continúa sendo indirecta. E aclarou que tanto a concesión a unha empresa privada como a unha empresa mixta é xestión indirecta.

Apertura da piscina de Santa Isabel

A alcaldesa de Santiago aproveitou a súa comparecencia para informar tamén de que este domingo, 15 de marzo, comezará a actividade deportiva na piscina de Santa Isabel, coa Liga Máster de Natación.

Pola súa parte, o luns 16, este equipamento abrirá ao público en horario habitual (de luns a venres de 7h a 23h, os sábados de 9h a 20h, e os domingos de 9h a 14h).

Nesta instalación, no Complexo Deportivo de Santa Isabel, fíxose unha obra moi importante, que contou cunha subvención dos fondos Next Generation, que foi solicitada polo equipo anterior e que a este goberno lle correspondeu impulsar a súa execución. Na piscina, mellorouse a impermeabilización e cambiouse o revestimento, mentres que no resto do pavillón rehabilitouse a fachada e cuberta, mellourse a accesibilidade en xeral e impulsáronse medidas de eficiencia enerxética.

Deja un comentario