O BNG de Ribeira reclama ao goberno municipal que deixe de mirar cara a outro lado e poña en marcha medidas reais para frear “a peor vaga de roubos de Ribeira” que se vén producindo desde hai xa varios meses e que está a afectar a vehículos, negocios e vivendas.
Nos últimos meses sucedéronse múltiples roubos en distintos barrios e parroquias do municipio, con especial incidencia en coches estacionados na vía pública e en garaxes, así como en establecementos comerciais e mesmo en vivendas, xerando unha crecente preocupación entre a veciñanza e o tecido económico local. Son centos de persoas afectadas por estes feitos delituosos que se repitan semana tras semana, provocando unha evidente sensación de inseguridade entre comerciantes e residentes.
En febreiro, o BNG advertiu de que había que tomar cartas no asunto e tendeu a man co obxectivo de analizar o problema e coordinar medidas que permitiran atallar a situación. Porén, os nacionalistas denuncian que, desde aquela, non se produciron avances nin se trasladou información algunha á Corporación Municipal nin á veciñanza sobre as actuacións que se están levando a cabo.
“O goberno municipal non está a dar explicacións pero o máis preocupante é que tampouco está adoptando medidas para facer fronte a esta situación”, sinala o portavoz do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral que compareceu acompañado do grupo municipal. “Non se nos informa sobre se hai reforzo policial ou se se está coordinando algunha actuación co resto das administracións. O silencio e a inacción do goberno municipal son incomprensibles”.
O Bloque considera que a celebración dunha Xunta de Seguridade Local só valeu para que haxa una foto máis da señora Sampedro pero non deu lugar a ningunha medida coñecida nin a ningún plan de actuación, algo que evidencia a falta de iniciativa do executivo local. Para os nacionalistas, o goberno local non pode limitarse a esperar a que a situación se resolva por si soa mentres continúan producíndose roubos que afectan xa a centos de persoas no municipio.
Neste sentido, desde o BNG lembran que durante a etapa de goberno nacionalista tomaron moi en serio este tema e ampliáronse os efectivos e os medios da Policía Local, completando o cadro ata acadar 27 axentes en activo e 12 auxiliares, ademais da incorporación dun novo vehículo policial, mellorando así os recursos municipais destinados á seguridade. Do mesmo xeito, subliñan que cando se produciron problemas graves de convivencia, como ocorreu no edificio ocupado das Avesadas, o goberno encabezado por Luís Pérez Barral actuou con dilixencia e conseguiu resolver unha situación problemática que había anos preocupaba á veciñanza.
“Sabemos que é unha situación difícil, mais nós demostramos que con traballo e medidas poden resolverse boa parte dos problemas. O que Ribeira necesita é un goberno que lidere e que traballe para resolver os problemas da xente, non un goberno máis preocupado por facerse fotos e facer que fai”, afirman.
Por iso, o BNG reclama ao executivo municipal que informe con transparencia das medidas adoptadas, que impulse unha verdadeira coordinación entre administracións e forzas de seguridade e poña en marcha actuacións que permitan recuperar a tranquilidade e a convivencia no conxunto do municipio.
Pérez Barral propón reforzar a presenza policial nas rúas como unha das medidas prioritarias para facer fronte á vaga de roubos. Neste sentido, aposta por incrementar o número de efectivos da Policía Local, impulsar patrullas a pé e establecer reforzos policiais en horario nocturno, así como outras actuacións que garantan unha presenza efectiva e visible que disuada a posibles delincuentes de cometer actos delituosos. Do mesmo xeito, considera necesario impulsar medidas que permitan reducir o consumo de drogas e previr condutas adictivas, xa que a presenza de drogas na vila adoita levar aparellado un aumento da criminalidade. Pérez Barral lembra ademais que como alcalde aplicáronse medidas deste tipo, unha experiencia que permitiu mellorar a convivencia no conxunto do municipio.
O portavoz do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, sinala que “estamos ante unha situación que preocupa con razón á veciñanza e ao comercio local. Desde o BNG apostamos pola coordinación entre administracións e forzas de seguridade e por políticas que vaian máis alá da resposta inmediata, reforzando tamén a prevención. Ribeira necesita sentirse segura e desde o BNG volvemos tender a man para colaborar en todo o que sexa preciso para conseguilo”.
—



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.