Aitor Bouza acusa a Rueda de levar a sanidade pública en Santiago a unha situación de colapso cun modelo que cualifica de “nulo e deficiente”.
O deputado socialista denuncia listas de espera “absolutamente inasumibles”, con tempos de espera de “ata tres semanas” en primaria e de “166 días para unha ecografía de mama”, e esixe responsabilidades políticas inmediatas.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico Aitor Bouza denunciou o colapso sanitario que sofre Compostela e a súa área, tras coñecerse os últimos datos sobre listas de espera e despois da comparecencia pública do xerente sanitario, e advertiu de que a situación evidencia “un ataque frontal” á sanidade pública por parte do Goberno de Alfonso Rueda.
Bouza lembrou que nos últimos meses se produciron episodios continuados de saturación e advertiu de que “primeiro foi o colapso das urxencias”, que se repetiu no verán e no inverno. O deputado socialista denunciou tamén o colapso da atención primaria e sinalou que as veciñas e veciños tiveron que agardar “ata tres semanas” para acudir ao seu médico de cabeceira. Agora, advertiu, a situación agrávase cos datos das listas de espera, que sitúan Santiago á cabeza de Galicia.
O deputado socialista cualificou de alarmantes os datos coñecidos e advertiu de que o modelo sanitario de Rueda “provoca un atraso en todas as políticas sanitarias”. Bouza puxo como exemplo que na área sanitaria compostelá hai que agardar “166 días para unha ecografía de mama”, unha situación que cualificou de “absoluta vergonza”. Segundo sinalou, estes datos evidencian unha xestión “nula e deficiente” e un sistema sanitario “absolutamente desbordado”.
Neste contexto, Bouza esixiu responsabilidades políticas inmediatas e reclamou o cesamento do xerente da área sanitaria, ao considerar que “non pode seguir nin un minuto máis” tras a súa xestión e tras ofrecer explicacións que cualificou de inaceptables. O dirixente socialista criticou que se intenten xustificar os problemas con “escusas de mal pagador” e advertiu de que a cidadanía non pode seguir sufrindo as consecuencias dunha mala planificación.
Bouza reclamou ademais un cambio de rumbo urxente nas políticas sanitarias da Xunta, con máis recursos e menos escusas, para garantir unha atención sanitaria digna e en tempos razoables. “Menos escusas e máis recursos; menos escusas e máis responsabilidades”, afirmou.
Finalmente, o deputado socialista lembrou que a Asociación de Pacientes do CHUS tivo que acudir á Valedora do Pobo para defender os seus dereitos e anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento galego estas cuestións para esixir responsabilidades e reclamar un cambio nas políticas sanitarias da Xunta.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.