Marta Abal advirte de que as medidas adoptadas polo goberno da señora Sanmartín son “claramente insuficientes” e non garanten a seguridade.
A concelleira socialista pregunta “que ten que pasar” para que o Concello actúe e evite novos desprendementos.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a inacción do goberno da señora Sanmartín tras o desprendemento producido a mediados de xaneiro na intersección da rúa Berlín coa rúa Lisboa, cando as intensas chuvias provocaron a caída á vía pública de terra, pedras e materia vexetal procedentes da ladeira da rúa Berlín, afectando á beirarrúa e á calzada da rúa Lisboa.
Abal lembrou que, pese ao aparatoso do incidente, non houbo danos materiais nin persoais e que naquel momento se retiraron os restos e se instalou un valado como medida provisional. Con todo, advertiu de que dous meses despois “o goberno local segue sen facer nada”.
A concelleira socialista mostrou a súa preocupación porque as medidas adoptadas ata o momento resultan “claramente insuficientes”: seguen producíndose desprendementos de pedras e terra e os vehículos continúan aparcando na zona, polo que non se está a garantir a seguridade das persoas nin dos vehículos.
Neste sentido, Abal cuestionou a pasividade do goberno de Goretti Sanmartín e preguntou “que ten que pasar para que o goberno tome medidas”, advertindo de que a situación actual supón un risco evidente para peóns e vehículos.
Por iso, desde o Grupo Municipal Socialista esixen que se actúe de maneira inmediata reforzando e mellorando as medidas preventivas existentes e adoptando as actuacións necesarias para evitar novos desprendementos, garantindo así a seguridade na contorna da rúa Lisboa.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.