Un consultorio anónimo por WhatsApp é unha das canles coas que contará o alumnado dentro desta acción municipal presentada pola alcaldesa e dirixida a “promover relacións igualitarias, respectuosas e libres de violencia entre a mocidade”.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este xoves en rolda de prensa o programa municipal de igualdade, diversidade e prevención da violencia que o Concello porá en marcha de xeito inmediato en centros educativos da cidade, con recursos novidosos coma un consultorio dixital anónimo a través de WhatsApp no que as rapazas e os rapaces poderán formular cuestións relacionadas con relacións afectivas.
Goretti Sanmartín concretou que se trata dunha iniciativa educativa impulsada pola área municipal de Igualdade, integrada na Alcaldía, que se desenvolverá ao longo de todo o ano 2026 e que está dirixida ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO co obxectivo de “promover relacións igualitarias, respectuosas e libres de violencia entre a mocidade”.
Con esta iniciativa, o Concello de Santiago de Compostela reforza o seu compromiso coa igualdade e coa prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva educativa e preventiva, para promover unha sociedade máis xusta, máis respectuosa e máis libre de violencia.
Na rolda de prensa participaron tamén clara Clara Ortega, directora da área municipal de Igualdade, e Rita Barreiro responsable da empresa U.Na, entidade que vai desenvolver o proxecto.
Tres centros de educación secundaria
Nesta primeira edición, o programa vaise aplicar en tres centros de educación secundaria, que se seleccionarán por orde de chegada. Cada un deles elixirá un nivel educativo para aplicar a iniciativa entre o alumnado que nestes momentos cursa 2º, 3º ou 4º da ESO.
A rexedora sinalou que se opta por comezar por un número de centros reducido para garantir a calidade da intervención, o seguimento das sesións e o acompañamento adecuado, e avanzou que se ampliará a máis centros no futuro.
O programa nace coa vontade de reforzar a prevención da violencia de xénero desde idades temperás, promovendo ao mesmo tempo valores de igualdade, corresponsabilidade, diversidade e bo trato nas relacións interpersoais.
Obxectivos do programa
O obxectivo principal desta iniciativa é promover relacións igualitarias e libres de violencia entre o alumnado de secundaria do Concello de Santiago de Compostela.
Para iso, o programa busca fomentar a igualdade de xénero e o respecto á diversidade, desenvolver habilidades de comunicación emocional e resolución de conflitos, identificar sinais temperás de desigualdade, control ou violencia; e promover actitudes de corresponsabilidade e bo trato nas relacións.
O proxecto estrutúrase arredor dun itinerario formativo composto por seis sesións educativas, deseñadas como un percorrido progresivo adaptado á idade do alumnado.
Ao longo destas sesións abordaranse cuestións como os estereotipos de xénero e a diversidade, os mitos do amor romántico, os celos e as dinámicas de control; as diferentes formas de violencia de xénero, incluíndo aquelas que non sempre son visibles; uso das redes sociais, o consentimento e a influencia dos contidos dixitais; as novas masculinidades e a corresponsabilidade; e as habilidades de comunicación emocional e resolución de conflitos.
A metodoloxía será participativa, combinando dinámicas de grupo, estudos de caso, debate guiado e ferramentas prácticas que permitan ao alumnado reflexionar sobre as súas propias experiencias e aplicar o aprendido na súa vida cotiá.
O programa desenvolverase ao longo de todo o ano 2026 para garantir continuidade e profundidade no proceso educativo. As tres primeiras sesións impartiranse entre marzo e xuño, mentres que as tres últimas terán lugar entre setembro e decembro.
Este formato permite consolidar aprendizaxes, acompañar o alumnado no tempo e xerar un impacto real no ámbito educativo.
Consultorio dixital anónimo
Como complemento ao traballo nas aulas, o programa incorporará tamén un consultorio dixital anónimo a través de WhatsApp.
Este espazo permitirá ao alumnado formular dúbidas ou preocupacións relacionadas coas relacións afectivas, a igualdade ou posibles situacións de control, garantindo sempre a confidencialidade e a seguridade.
O obxectivo é ofrecer un canal seguro no que o alumnado poida recibir orientación profesional e expresar inquietudes que ás veces resultan difíciles de compartir nun espazo público.
O programa enfócase na adolescencia por ser unha etapa clave na construción da identidade, das relacións afectivas e da forma de entender o mundo, así coma o momento no que comezan a consolidarse ideas e crenzas sobre o amor, os roles de xénero, os celos, o consentimento ou o uso das redes sociais.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.