A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi o segundo Encontro Internacional de Arqueoloxía e Ciencias de Antigüidade. A concelleira estivo acompañada por Rebeca Cordeiro e Alia Vázquez, representantes da Asociación Cultural de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (Arcian), entidade organizadora do Encontro.
O II Encontro Internacional de Novos Investigadores de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade celebrarase do 20 ao 22 de xullo na Facultade de Xeografía e Historia. O encontro dividirase en varias sesións nas que se analizarán múltiples temáticas, dende a Prehistoria ata a Antigüidade Tardía.
As contribucións dos diferentes autores serán primeiro coa exposición da súa investigación e despois coa publicación nun libro dos resultados. Están convidados a participar todos aqueles investigadores que cumpran os seguintes requisitos:
Alumnos e alumnas que se atopen realizando estudos de Máster relacionados coa temática do Encontro; estudantes en etapa predoutoral; doutores que non leran a súa tese con anterioridade ao 2013; e, finalmente, tamén terán cabida as propostas daqueles investigadores que cursaran unha licenciatura ou grao e un máster, pero non se atopen inscritos nun programa de doutoramento ou pertenzan a algunha institución académica.
Arcian é un proxecto sen ánimo de lucro, fundado en setembro de 2014, por un grupo de estudantes en etapa predoutoral da USC. Ante a necesidade de estimular a investigación nas especialidades de Arqueoloxía, Prehistoria e Historia Antiga, así como de facilitar a acción dos novos investigadores, Arcian nace como unha agrupación cultural que fomenta o progreso destas disciplinas e, sobre todo, dos especialistas noveles.
Neste sentido, un dos puntos clave das accións da dita Asociación é a celebración do Encontro Internacional de Novos Investigadores de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, que este ano vai pola segunda edición, conseguindo un éxito rotundo na primeira convocatoria, con máis de dun centenar de asistentes, moitos deles estranxeiros.