Thursday 12 de March de 2026

A nova tempada do circuíto Coruña Corre comezará este sábado 14 ao pé da Torre de Hércules, con máis de 3.500 persoas inscritas na carreira


O Concello ultima os preparativos de cara á xornada, na que o faro estará iluminado de cor morada para conmemorar o Día Internacional da Muller

A andaina polo 8-M reforza a programación desta primeira data do calendario de carreiras, que chega con máis de 1.600 mulleres inscritas, case a metade do total

A Coruña vive xa a conta atrás de cara ao inicio da nova tempada do circuíto Coruña Corre, que este ano chega á súa XIII edición e volve novamente ás rúas da cidade con máis de 3.500 persoas xa inscritas na primeira proba do calendario: a carreira popular da Torre de Hércules que terá lugar este sábado 14 de marzo.

Ás portas desta apaixoante fin de semana, o Concello ultima os preparativos de cara á xornada, que arrincará ás 17.00 horas no paseo dos Menhires, coas saídas progresivas das e dos participantes na quenda de peques e, xa a posteriori, das categorías inferiores.

Será ás 20.00 horas cando sairán as e os deportistas inscritos na proba absoluta, que conta cun percorrido de 6,3 quilómetros a través de Durmideiras, San Amaro, os Pelamios, as Ánimas e, de novo, volta polo mesmo treito do paseo Marítimo, bordeando a enseada e o paseo dos Menhires, para enfilar a recta final pola costa da Torre.

Poucos minutos despois da carreira absoluta será o turno da andaina polo 8-M, que sairá ás 20.05 horas e contará cun percorrido lixeiramente máis curto, de case cinco quilómetros.
Máis de 632 persoas están anotadas nesta quenda, cun público maioritariamente feminino que tamén reforza o balance de mulleres inscritas no conxunto da xornada da Torre: ata 1.645 —case o 47% do total—, unha das cifras máis elevadas no histórico desta proba.

A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé no bo ambiente co que arrinca esta nova tempada do circuíto, “que nos permite dar continuidade ás boas sensacións experimentadas no pasado medio maratón C21 e que confirma que a cidade está volcada ao 100% co running ao aire libre e as carreiras populares”.

A proba da Torre conta, ademais, cun aliciente extra: é a única cita desta tempada que se leva a cabo en horario nocturno, rematando, ademais, a escasos metros do principal emblema patrimonial da cidade, que un ano máis estará iluminada de cor morada co gallo do Día Internacional da Muller.

A recollida de dorsais, habilitada desde hoxe no Centro Comercial Cuatro Caminos

Un dos patrocinadores do circuíto, o Centro Comercial Cuatro Caminos, abre desde hoxe a súas instalacións á recollida de dorsais das persoas participantes. Este xoves 12 (17.00 a 21.30 horas) e mañá, venres 13 (17.00 a 21.30 horas), xa será posible efectuar a retirada de dorsais, que tamén estará habilitada o sábado 14, o propio día da carreira (12.00 a 17.00 horas), no frontón da Cidade Deportiva da Torre.

Ademais, e como xa é habitual nas semanas de carreira, o Concello ofrece un amplo abano de servizos ás persoas inscritas. O servizo de gardarroupa no frontón da Cidade Deportiva da Torre estará dispoñible en horario de 19.00 a 21.30 horas. Haberá, ademais, servizo de duchas e vestiario na propia Cidade Deportiva da Torre, habilitado ás persoas participantes na categoría absoluta desde as 19.30 horas.

Coma sempre, tamén se lles proporcionará auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes en cada unha das categorías no punto que estará situado despois da meta.

Deja un comentario