Thursday 12 de March de 2026

Belén do Campo anuncia en Malpica a aprobación do proxecto dunha nova glorieta na AC-418, cun investimento superior aos 330.000€


– A actuación busca mellorar a seguridade viaria nun punto de acceso ao CEIP Milladoiro e ao centro cívico

– O proxecto inclúe tamén melloras nas beirarrúas, na iluminación e na accesibilidade da contorna

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, visitou o punto da estrada autonómica AC-418 no que a Administración autonómica prevé construír unha nova glorieta, unha actuación que se aproba hoxe no Diario Oficial de Galicia, e que contará cun investimento global de máis de 330.000 euros.

Durante a visita á zona, a representante autonómica destacou que esta intervención permitirá reforzar a seguridade viaria nun treito especialmente transitado do núcleo urbano, no que conflúen o acceso ao CEIP Milladoiro, ao centro cívico e a varias rúas da localidade.

Segundo explicou, este tramo da AC-418 presenta unha recta de arredor de 200 metros e unha pendente descendente, circunstancias que, xunto co carácter máis interurbano da vía nos treitos previos, poden favorecer que os vehículos circulen a maior velocidade da permitida, fixada en 50 quilómetros por hora.

Para contribuír a moderar o tráfico e ordenar mellor os movementos de entrada e saída, o proxecto prevé transformar a actual intersección entre a AC-418, a rúa Ventorrillo, a rúa Canido e o acceso ao centro educativo mediante a construción dunha glorieta situada arredor do punto quilométrico 15+470.

A nova infraestrutura disporá dun anel exterior cun raio de 14 metros e dun anel interior de 8 metros de diámetro, executado en formigón e cun pequeno espazo verde no seu interior.

A actuación tamén contempla adaptacións nos accesos próximos á glorieta para garantir a correcta integración da infraestrutura. En concreto, actuarase na rúa Canido nun treito aproximado de 10 metros e no acceso ao CEIP Milladoiro nunha lonxitude duns 20 metros.

No marco destas obras renovaranse tamén as beirarrúas, que terán un ancho próximo aos tres metros e pavimento de louseta, co obxectivo de manter a continuidade dos itinerarios peonís xa existentes.

O proxecto incorpora ademais diferentes medidas para mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil, como a instalación de pavimento podotáctil nos pasos de peóns, a reposición da parada de autobús situada antes da entrada á glorieta e o reforzo da iluminación na contorna.

En canto á calzada, executarase pavimentación con aglomerado en quente nas zonas que actualmente carecen de firme e adaptarase o sistema de drenaxe á nova configuración da intersección. As obras completaranse coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

A delegada da Xunta sinalou que esta actuación permitirá mellorar notablemente a funcionalidade deste punto da AC-418 e incrementar a seguridade tanto para os vehículos como para os peóns, especialmente para a comunidade educativa do CEIP Milladoiro e para a veciñanza da zona.

Deja un comentario