Thursday 12 de March de 2026

O Concello de Boqueixón saca a licitación obras de mellora en sete estradas municipais por máis de 112.000 euros


O Concello de Boqueixón vén de sacar a licitación por 112.681 euros as obras de mellora de sete estradas municipais. Unhas obras que serán financiadas ao abeiro do POS+ Ad 2/2025 e cuxo prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 25 de marzo.

O Concello de Boqueixón mellorará o estado da capa de rodaxe de 2,8 quilómetros de pistas municipais, das que preto dun quilómetro será reparado en aglomerado quente, e actuará sobre unha superficie de 12.984 metros cadrados. “Imos mellorar sensiblemente a seguridade viaria en sete pistas municipais pois, ademais de reparar a capa de rodaxe, tamén imos anchear algunhas pistas, construír unha cuneta de seguridade e colocar nova sinalización viaria, tanto vertical como horizontal”, explica Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón.

Actuacións previstas

A actuación principal deste proxecto é o arranxo dunha estrada de 1.389 metros que conecta a parroquia de Vigo coa AC-261. Unha actuación na que se contempla ampliar o seu ancho de 4,5 metros a 5,5 metros. Un ancheamento que tamén terá lugar na mellora da estrada entre Torre e A Costiña, en Lamas, onde se ampliará en medio metro o ancho desta estrada de 410 metros de longo, que pasará así de ter un ancho de 4,5 metros.

No caso da mellora do viario ata Reboredo, a actuación terá lugar en aglomerado en quente e inclúe a construción dunha cuneta de seguridade de 40 metros, para aumentar así a seguridade viaria. A maiores, pintaranse as liñas de borde e a correspondente sinalización horizontal. Tamén se arranxarán en aglomerado en quente a mellora dun camiño en Lamas, ao seu paso por A Eirexe; e a mencionada estrada entre A Torre e A Costiña.

Finalmente, o proxecto a licitación inclúe a mellora dos accesos a Piñeiro de Arriba e en Noenlle; así como a mellora da rúa Monte Ilicino, onde se colocará un sinal de Stop. As obras teñen un prazo de execución de seis meses.

Deja un comentario