— O conselleiro de Ciencia visita a parcela na que se situará esta infraestrutura, beneficiaria da convocatoria de fortalecemento de centros tecnolóxicos da Xunta
— Destaca que permitirá consolidar a investigación en eidos como os materiais, o tratamento de augas e aire, as novas cadeas de valor ou a industria sustentable
— O Goberno galego destina tamén máis de 900.000 € a equipamentos deste centro
— Desde 2018, esta liña de axudas do Executivo autonómico leva apoiado unha vintena de proxectos cun investimento de máis de 23 M€ e unha mobilización de 46 M€
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá a parcela onde se situará o novo centro de excelencia en economía circular do centro tecnolóxico CETIM, no Polígono de Morás, no concello de Arteixo. A construción deste centro recibe unha axuda de máis de 3 M€ da Xunta de Galicia a través da última convocatoria de fortalecemento de centros tecnolóxicos que vén de ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
Román Rodríguez destacou que co apoio á construción deste edificio “a Xunta mellora e dá continuidade á aposta que estamos a facer nos últimos ano polo CETIM”. Neste sentido, salientou que o Goberno autonómico tamén está a destinar máis de 900.000€ para o equipamento que irá aloxado neste centro. Cunha superficie de 3.619m² e un custo total de 6,24 M€, a nova infraestrutura estará dotada de nove laboratorios de investigación e un área para plantas piloto nunha parcela cedida polo Concello.
O conselleiro lembrou que a convocatoria de fortalecemento de centros tecnolóxicos, cofinanciada con fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27 e enmarcada no Plan galego de investigación e innovación 25-27, “é unha das principais accións da Consellería para fortalecer a I+G+i, a ciencia e a innovación feitas en Galicia, e as súas capacidades e potencial de experimentación”. Así, facilítase o crecemento destes centros, poténciase a súa competitividade internacional e refórzanse a transferencia ao tecido produtivo.
Non en balde, esta nova infraestrutura permitirá consolidar e fortalecer as liñas de investigación estratéxicas do CETIM en ámbitos como os materiais, o tratamento de augas e aire, as novas cadeas de valor ou a industria sustentable e dixital, entre outras.
Na visita á parcela xunto ao alcalde, Carlos Calvelo, o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director xeral de CETO; Toni Pons; a directora executiva, Lucía Camino, e os arquitectos do proxecto.
Modernización dos centros tecnolóxicos
Desde 2018, cando se lanzou a primeira convocatoria desta liña de axudas dirixida a centros tecnolóxicos, o Goberno autonómico apoiou xa un total de 23 proxectos cun investimento de máis de 23 M€, o que posibilitou a mobilización dun total de 46 M€ en infraestruturas, equipamentos e obras neste tipo de centros dedicados á I+D+i.
En total, a última edición destas axudas destina 6,2 M€ para mellorar as infraestruturas de investigación dos centros tecnolóxicos, mobilizando 12M€, e contribúe ao mantemento de 115 postos de traballo de persoal doutor. Ademais do novo edificio do CETIM, a convocatoria de 2025 apoia tamén con 2M€ a ampliación das capacidades do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) en áreas como o vehículo eléctrico, a industria 5.0 e a seguridade pasiva; mentres que o ITG recibe unha achega de máis de 500.000€ para a investigación aplicada en tecnoloxías duais (civil e defensa) orientada a operacións cooperativas aire-mar-terra e con sistemas autónomos ciberseguros. Ademais, AIMEN recibe máis de 300.000€ para fortalecer e modernizar as súas infraestruturas de investigación e incorporar un laboratorio óptico.
A maiores, tanto o CTAG como AIMEN están construíndo cadanseus centros co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria de 2024 desta mesma liña de axudas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.