Thursday 12 de March de 2026

Referentes galegos e nacionais do Ecommerce revelan os seus maiores erros nun evento que pon en valor a aprendizaxe


● O evento estivo organizado pola Deputación da Coruña, coa coordinación do Clúster do Ecommerce Galego.

Palexco acolleu este xoves o evento Erros x Aprendizaxes, un encontro profesional que nace cunha proposta clara: falar sen filtros dos erros cometidos no ámbito do ecommerce e poñer en valor as aprendizaxes que impulsan o crecemento empresarial.
Nun contexto no que abundan os discursos centrados no éxito, Erros x Aprendizaxes apostou por un formato honesto, próximo e inspirador. Falouse de decisións complexas, estratexias que non funcionaron á primeira e camiños que, a través da aprendizaxe práctica, permitiron evolucionar modelos de negocio e consolidar proxectos.

Tras a apertura de portas ás 09:15 horas, o evento contou cunha intervención institucional da Deputación da Coruña e do Clúster do eCommerce Galego, entidades aliñadas co impulso á dixitalización e á competitividade empresarial.
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, sinalou que Erros x Aprendizaxes é “unha chamada honesta a deixar a fachada nas redes e compartir pantallazos feos, porque detrás de cada negocio sostible hai alguén que o pasou moi mal e non tirou a toalla. Mais tamén é unha oportunidade para socializar os éxitos e partillar as receitas que o fixeron posíbel, a sabendas de que o que funcionou unha vez pode que non volva a funcionar xamais”.

Pola súa parte, Xosé Luís Reza, presidente do Clúster do Ecommerce Galego, define este encontro como “unha ocasión para xerar un espazo onde os profesionais falen con naturalidade do que non sempre se conta: os erros, as aprendizaxes e as decisións complexas que realmente fan medrar un negocio. Compartir estas experiencias reais permite que outras empresas anticipen erros, acurtando así a curva de aprendizaxe de todo o ecosistema do ecommerce galego”.

Marcas referentes que comparten experiencia real
O encontro reuniu a directivos e responsables de marcas de referencia que explicaron, en primeira persoa, como transformaron erros en oportunidades de mellora e innovación.
As empresas participantes foron as seguintes:
● Par & Escala, unha marca de moda feminina fundada por Iara Viñuales, que abriu o bloque de conferencias compartindo a súa experiencia como emprendedora.
● Bermello, unha empresa de longa traxectoria no sector dos electrodomésticos. O seu fundador, Jorge Bermello, será entrevistado por Xosé Luís Reza e compartirá a súa aprendizaxe tanto empresarial como vital, a punto de cumprir os 90 anos.
● Yo pongo el hielo, da man do seu ex-CMO & Founder, Yago González, cun modelo de negocio singular e unha forte aposta pola innovación.
● Alda Hotels, un exemplo de crecemento hoteleiro galego e profesionalización do ecommerce, coa intervención de María Domínguez.
● Joyerías Calvo, unha empresa con longa traxectoria que evolucionou o seu modelo comercial e que estivo representada por Marta Calvo García, Marketing & Event Manager desta firma.
● Cultura Urbana, unha tenda referente de streetwear con forte presenza online que estivo representada polo seu cofundador, Marcos Cardero.
● Dinahosting, unha empresa galega especializada en dominios que estivo representada polo seu responsable de Atención ao Cliente, Iván Expósito.
● Smartclick, unha empresa de servicios de marketing dixital que estivo representada polo seu SEO Manager e Director de proxectos dixitais, Sergio Castelo.
● Pintos & Salgado, un bufete galego de avogados que estivo representado polo seu socio director, Víctor Salgado Seguín.

Impulso á cultura de aprendizaxe no ecosistema galego
Erros x Aprendizaxes contribúe a fortalecer o ecosistema empresarial galego promovendo unha cultura de aprendizaxe continua, innovación e mellora constante. O evento puxo en valor empresas con sede ou impacto en Galicia, demostrando que compartir erros con transparencia é unha ferramenta poderosa para avanzar. Dirixido a profesionais do ecommerce, responsables de marketing, directivos, emprendedores e empresas en proceso de transformación dixital, o encontro presentouse como unha oportunidade única para adquirir coñecemento práctico aplicable desde o día seguinte.

Deja un comentario