Terá lugar o venres 20 de marzo, ás 19:300 horas, na Casa da Cultura de Lousame. Entrada de balde en www.bandoticket.com
O auditorio da Casa da Cultura Santeiros de Chave de Lousame acollerá o vindeiro venres 20 de marzo, ás 19:30 horas, a charla informativa “Alimentación vs nutrición”, que será impartida por María Valiñas, enfermeira do centro de saúde de Lousame. Trátase da segunda sesión do programa Coidando Lousame, posto en marcha por iniciativa da propia Valiñas en colaboración co Concello de Lousame para tratar sobre diversas cuestións relacionadas coa saúde nunhas charlas gratuítas e abertas a toda a veciñanza.
A asistencia é totalmente gratuíta e aberta a toda a veciñanza, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse previamente en www.bandoticket.com ou no centro de saúde de Lousame. Durante a súa intervención, María Valiñas explicará as diferencias entre alimentación e nutrición, dous conceptos moi relacionados entre si e que aínda que na linguaxe coloquial se empregan como sinónimos, non o son. Así, Valiñas fará fincapé en que alimentarse é simplemente comer cando temos fames, mentres que a nutrición está relacionada con tomar alimentos que sacian a fame pero que tamén achegan vitaminas, minerais e aminoácidos que precisa o corpo para realizar correctamente as súas funcións vitais.
Esta charla dá continuidade á celebrada o pasado mes de febreiro, titulada “Falemos de hábitos saudables”, e contou cunha gran participación veciñal. Unha conferencia na que a enfermeira do centro de saúde de Lousame fixo fincapé nos pequenos hábitos diarios que xeran unha gran diferencia na nosa saúde.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.