Friday 13 de March de 2026

O PP acusa ao alcalde de mentir nunha resolución da Alcaldía na que lle nega o acceso á liquidación da Conta Xeral de 2025 para ocultar a boa xestión do Goberno de Santiago Freire


Santiago Freire explica que “o tenente de alcalde presumiu en Pleno que por primeira vez había liquidación no mes de febreiro e, cando días despois pedimos esa información, o alcalde negounos o acceso argumentando que non estaba elaborada”

O PP de Noia denuncia a constante vulneración dos seus dereitos de acceso á información municipal por parte do Goberno do PSOE e a Marea, o que dificulta o exercicio do seu dereito fundamental á participación política e á fiscalización da xestión do Goberno. “Durante os sete meses que levamos de desgoberno en Noia, PSOE e BNG non só non cumpriron co prazo de cinco días, senón que tamén incumpriron a súa obriga de facilitar a información solicitada por este grupo municipal para desenvolver o seu traballo de oposición”, denuncia o voceiro e presidente local do PP de Noia, Santiago Freire, quen indica que “agora demos un paso máis, o da mentira, co caso da liquidación da Conta Xeral de 2025”.

No pasado mes de febreiro, en resposta a preguntas do voceiro do PP sobre o Remanente de Tesourería para Gastos Xerais contemplado na liquidación da Conta Xeral de 2025, o tenente de alcalde e concelleiro de Economía respondeu que “por primeira vez no mes de febreiro hai liquidación do orzamento, algo que debe ser unha novidade para vostede” e detallando que o Remanente de Tesourería para Gastos Xerais ascendía a 1,1 millóns de euros e o Remanente Xeral era de 1,4 millóns de euros.

Acto seguido, a concelleira popular Laura Salgado García solicitou copia desa resolución de aprobación da liquidación da Conta Xeral do 2025 á que fixo referencia o tenente de alcalde da Marea. Unha petición denegada polo alcalde nunha Resolución da Alcaldía na que argumentaba que “a información solicitada trátase dunha información non elaborada na actualidade debido a que a Conta Xeral do ano 2025 ten prazo de aprobación ata o día 1 de outubro de 2026, segundo o artigo 212.4 da Lei Reguladora de Facendas Locais”.

“Deixando a un lado que esta argumentación non é correcta, xa que nós pedíamos a Liquidación da Conta Xeral, cuxo prazo legal para presentala remata o 31 de marzo, e non o documento completo da Conta Xeral, que si ten ese prazo que indica o alcalde”, apunta Freire Abeijón, “o que está claro é que aquí alguén están mentindo. Ou o tenente de alcalde lle mentiu ao Pleno cando presumiu de ter aprobada a liquidación en febreiro ou o alcalde minte nunha Resolución da Alcaldía cando di que esa liquidación non está elaborada ou se atopa en curso de elaboración”.

Boa xestión popular

Unha situación que non é nova para o Partido Popular, pois “o PSOE e a Marea levan anos mentindo sobre a situación económica do Concello de Noia para tratar de xustificar a moción de censura cun tránsfuga e co beneplácito do BNG. Presumen de transparencia e responsabilidade, pero despois ocultan a información. Falaban dun concello en quebra e resulta que temos máis de 1,1 millóns de euros para gastos xerais e todos os indicadores económicos que se levan a pleno corroboran a boa xestión do Goberno do Partido Popular”.

Se comprobamos os dous últimos exercicios, o resultado orzamentario axustado de 2024 ascendeu a 770.767,64 euros; mentres que o de 2025 foi de 36.784,61 euros, en ambos os dous casos positivos. Sen embargo, fixo fincapé no período medio de pago a provedores, que foi do 7,89 no primeiro trimestre de 2025, 10,21 no segundo e 14,25 no terceiro baixo mandato popular e que se disparou ao 23,45 no cuarto. “Nos catro casos estamos sempre por debaixo do esixido pola lei, polo que non é certo que houbera risco de impagos como dicían PSOE e Marea durante a súa propaganda previa á moción de censura”, sinala Santiago Freire.

Deja un comentario