Thursday 12 de March de 2026

O Quiosco Alfonso acolle a exposición ‘Emigrantas: Emerxer do silencio’, unha homenaxe ás historias da emigración das mulleres galegas


A mostra propón un percorrido por arquivos, fotografías, materiais audiovisuais ou cartas das galegas que viviron a emigración

O Quiosco Alfonso abre este xoves a mostra ‘Emigrantas: Emerxer do silencio’, un proxecto expositivo do Concello da Coruña e o Consello da Cultura Galega que recupera e visibiliza as experiencias da emigración das mulleres galegas, durante décadas ausentes dos relatos oficiais da historia. A alcaldesa, Inés Rey, encabezou o acto de apertura, no que participaron tamén o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco e as comisarias da exposición: Antía Pérez Caramés e Keina Espiñeira. Non puido asistir María Alonso Alonso, tamén contribuíu como comisaria.
‘Emigrantas: Emerxer do silencio’ propón un percorrido a través de arquivos históricos, fotografías, instalacións artísticas, materiais audiovisuais, cartas, obxectos persoais e testemuños gravados, que permiten reconstruír as múltiples formas de partir, traballar, crear, resistir e retornar das galegas que viviron a emigración. A exposición detense nas experiencias cotiás e colectivas: o traballo, a aprendizaxe, a organización social, os coidados, a escrita e a transmisión da memoria. Ao tempo, pon en valor o labor das investigadoras, historiadoras e creadoras que fixeron posible recuperar estas voces, revisando arquivos, listas de pasaxeiras e percorrendo vilas e territorios de todo o mundo na procura dos relatos das emigradas.

O resultado é un diálogo entre patrimonio documental e creación contemporánea, que invita a mirar con atención e a interrogar os silencios herdados, construíndo unha memoria compartida que contribúe a comprender mellor o presente.

Durante a presentación, a alcaldesa Inés Rey salientou que esta mostra “recoñece unha parte fundamental da nosa historia colectiva e homenaxea ás mulleres que, con esforzo e valentía, abriron camiños máis alá das fronteiras”. Así mesmo, subliñou que o seu Goberno municipal “segue a apostar por proxectos culturais que dialoguen coa memoria e co presente, fortalecendo a identidade da cidade como referente cultural galego”.

A mostra poderase visitar no Quiosco Alfonso, no seu horario habitual, con entrada de balde ata o 3 de maio.

Deja un comentario