— Terá lugar os días 13 e 14 de marzo ás 20,30 h. no Teatro Rosalía Castro da Coruña e dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios
— Baixo a dirección de Quico Cadaval, a montaxe revisita o clásico de Bertolt Brecht, trasladando a crítica política ao presente nun proposta escénica contemporánea
— A estrea absoluta terá lugar os días 13 e 14 de marzo ás 20,30 h. na Coruña, á que seguirán funcións en Vigo, Cee e Santiago de Compostela
— A compañía é beneficiaria da liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para contribuír a planificación a longo prazo das empresas teatrais
Talía Teatro presentou hoxe en rolda de prensa o seu novo espectáculo Artur Ui, o ovo da serpe, dirixido por Quico Cadaval e que conta con axudas da Xunta de Galicia na liña de apoio a actividade escénica plurianual. Baseado no texto A resistible ascensión de Artur Ui, de Bertolt Brecht, terá a súa estrea absoluta no Teatro Rosalía Castro os días 13 e 14 de marzo como parte da carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios e antes de iniciar unha xira que a levará este mes a Cee, Lugo, Vigo e Santiago de Compostela.
A veterana compañía galega é beneficiaria por terceira ocasión nos últimos anos da subvención de 100.000 euros á actividade escénica plurianual, liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para contribuír á planificación e ao mantemento a máis longo prazo das empresas teatrais. Mediante esta canle, a formación levou xa ás táboas espectáculos anteriores de distintos rexistros e xéneros como Un deus salvaxe, Voa, voa!, A parábola do angazo ou Rosa Caramelo.
Con Artur Ui, o ovo da serpe, Talía Teatro conta por vez primeira con Quico Cadaval na dirección escénica, que se pon á fronte dunha produción de gran formato na que actúan todos os nomes habituais da compañía: Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo.
Sátira política sobre o ascenso do autoritarismo
A montaxe revisita un dos grandes textos do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, escrito nos anos máis escuros da Europa do século XX como parábola sobre o ascenso do nazismo. A obra narra a chegada ao poder dun gánster que se fai co control dunha cidade a través de métodos mafiosos, nun relato que o autor concibiu como unha metáfora do ascenso de Adolf Hitler. O equipo artístico aposta por trasladar esta crítica política ao presente a través dunha proposta escénica contemporánea que combina humor, sátira e reflexión.
A produción dálle continuidade á liña de traballo de Talía Teatro arredor dos clásicos contemporáneos e do teatro de forte compoñente social, como xa fixo en montaxes recentes como Unha inimiga do pobo ou Morte accidental dun anarquista, reafirmando o seu compromiso cun teatro popular, crítico e conectado coa realidade do seu tempo.
Despois das dúas funcións de estrea no Teatro Rosalía da Coruña, programadas como parte do calendario da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia e coordina a Xunta de Galicia, Artur Ui, o ovo da serpe poderá verse tamén en Vigo (Auditorio Municipal, 20 de marzo), Cee (Casa da Cultura, día 21), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, día 22) e Santiago de Compostela (Teatro Principal, 31 de marzo).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.