O grupo municipal do BNG no Concello da Laracha votou hoxe en contra dos orzamentos municipais para 2026 presentados polo Goberno local ao considerar que se trata dun “suma e segue” dun proxecto político “esgotado” e “sen criterio político”, que non permite sacar ao municipio da “rutina” e da “falta de ambición” que, segundo denuncian, caracteriza ao executivo desde hai anos.
A portavoz nacionalista, Carolina Castiñeiras, declarou que “non hai excusa para que un goberno municipal con maioría non cumpra coa súa obriga de presentar e aprobar os orzamentos antes de finalizar o ano”. Castiñeiras lembrou que xa no exercicio anterior se aprobaron as contas unha vez iniciado o novo ano, aínda que naquela ocasión o BNG foi “comprensivo” coa explicación do executivo, que argumentou a necesidade de incorporar grandes proxectos como a rehabilitación da Casa Consistorial ou o edificio interxeracional. “Mais este ano non hai nada disto”, sinalou.
Durante a súa intervención no pleno, Castiñeiras asegurou que o documento presentado “é unha proba máis da visión desenfocada, superficial e conformista do Goberno municipal”. “O problema non son as cifras do orzamento, o problema é que vostedes non saben xestionalo. Non revisan, non corrixen e non avalían a inercia das súas políticas, que segue sen ter un rumbo claro”, indicou.
A portavoz do BNG tamén criticou que as contas non contemplen unha planificación clara para igualar os servizos entre as parroquias nin para garantir cuestións básicas como o saneamento integral de todos os núcleos de poboación ou a execución do plan de mobilidade, que —segundo afirmou— “queda en papel mollado”.
Entre os aspectos que o grupo nacionalista considera determinantes para valorar o orzamento está o incremento dos ingresos procedentes da cidadanía. “Este é un presuposto que medra a conta do contribuínte; xa non lles queda nin un só imposto ou taxa por subir”, afirmou Castiñeiras, quen acusou ao Partido Popular de manter un discurso de baixada de impostos mentres, na práctica, “os suben en canto teñen ocasión”. “Mentiron descaradamente no seu programa de goberno sobre este asunto”, engadiu.
Outra das críticas do BNG refírese ao baixo nivel de investimentos, que representan arredor do 8 % do orzamento total. “Isto non se corresponde cun concello que presume de ter as contas saneadas; algo falla”, sinalaron.
Castiñeiras tamén cuestionou a xestión da débeda municipal e o recurso a financiamento para determinadas actuacións. “Pagamos 20.000 euros en xuros dunha débeda que non se debería ter solicitado. O importe da subvención para o arranxo da Casa Consistorial, de case un millón de euros, pareceulles insuficiente e pediron máis; vai esa importante diferenza xustificar unha mellora real no día a día da veciñanza da Laracha? Nós pensamos que non”, afirmou.
A portavoz nacionalista denunciou ademais unha xestión que cualificou de “deficiente”, marcada pola falta de control político e avaliación das políticas públicas. Segundo indicou, o grao de execución do orzamento nos últimos anos situouse por debaixo do 75 % e mesmo se perderon subvencións por falta de planificación.
Outro dos asuntos que o BNG volveu poñer enriba da mesa foi o reparto das achegas ás comisións de festas. Segundo denunciou Castiñeiras, a parroquia de Torás recibe máis fondos que o conxunto das outras doce parroquias xuntas. Ademais, criticou a ausencia dun modelo participativo que permita que estas celebracións transcendan o ámbito parroquial e se conciban como un proxecto para todo o municipio.
En relación co financiamento doutras administracións, Castiñeiras indicou que as achegas da Xunta de Galicia ascenden a 1.878.000 euros e as da Deputación da Coruña a 1.242.000 euros. Con todo, subliñou que unha parte importante dos fondos da Xunta corresponde a partidas destinadas á dependencia e ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “que son obrigas que deben asumir conxuntamente a Xunta e o Goberno central”. “Vemos unha vez máis que á Laracha non lle benefician en nada os supostos gobernos amigos na Xunta: con amigos así, quen precisa inimigos?”, afirmou.
A líder da oposición tamén repasou o que cualificou de “fracasos” na xestión municipal, denunciando a perda de subvencións da Deputación e a presentación de solicitudes “ao límite do prazo”, como no caso do Plan Único (POS). Segundo explicou, “as obras públicas tardan máis dun ano en comezar desde que se licitan, licítanse xa con atraso e despois eternízanse na execución, e ás veces nin sequera quedan ben”, poñendo como exemplo as pistas polideportivas descubertas de Leborís.
Por este motivo, o BNG considera “un mal menor” que os fondos procedentes do Plan Único da Deputación —de xestión nacionalista no bipartito provincial— se destinasen a gasto corrente. “Polo menos sabemos que eses cartos se investirán no funcionamento diario do concello, xa que se demostra que son incapaces de xestionar un volume de obras por importe dun millón de euros”, afirmou.
En conclusión, Castiñeiras asegurou que “os veciños e veciñas merecen un goberno que estea á altura do que necesitan, un goberno que non bloquee investimentos, que non retarde o concello e que teña ambición por mellorar as cousas”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.