Esta cita busca recadar fondos para a investigación desta enfermidade
Deporte e solidariedade van da man na terceira edición da andaina Un raio de luz, promovida por Art for Dent, e que conta coa colaboración do Concello de Ribeira. A cita desenvolverase no sábado, 21 de marzo, con saída programada para as 18.30 horas, dende a praza de España para completar unha distancia de seis quilómetros que terá na chegada ao miradoiro da Pedra da Ra un dos seus momentos máis simbólicos. A meta será tamén na dita praza do centro urbano.
“Chegaremos á Pedra da Ra no momento do solpor para, precisamente, buscar ese raio de luz como ben é o lema deste evento. Preténdese así albiscar esperanza na investigación da enfermidade de Dent; causa a favor da cal irán destinados os fondos recadados nas inscricións”, manifestou o concelleiro de Deportes, Álex Vidal. O edil ratificou o compromiso da Administración local con este tipo de iniciativas que fomentan a actividade física ao tempo que se percorrerán espazos naturais do municipio con gran valor medioambiental, paisaxístico e turístico.
En representación da entidade Art for Dent, Fernando Yáñez explicou que é “unha enfermidade moi rara” que en Galicia afecta a catro familias que están na asociación, contabilizando un total de 10 casos.
Trátase dunha mutación do cromosoma X que afecta gravemente á función real e que non ten cura. Yañéz tamén indicou que a data elixida para a andaina é o día 21 por ser cando comeza a primavera, “cando a luz lle gaña terreo á escuridade.”
Agárdase superar as 200 persoas participantes e o prazo de inscrición xa está aberto. Formalizarase a través da páxina web www.galitiming.com e ten un custe de 5 euros para maiores de 12 anos, mentres que se sitúa nos 3 para menores. Como agasallo, entregaranse viseiras co logo da asociación ata esgotar existencias.
Ademais deste percorrido, para este venres 13 hai programada unha charla divulgativa destinada aos escolares, a cal se desenvolverá na sala polivalente do novo Auditorio municipal e que contará con dous investigadores do Laboratorio Xenético de Enfermidades Renais.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.