O Concello de Carballo e Inserta Emprego, entidade da Fundación ONCE centrada na formación e o emprego das persoas con discapacidade, deron os primeiros pasos cara a próxima sinatura dun convenio de colaboración co obxectivo de fomentar a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional no municipio.
O acordo acadouse nunha xuntanza na que participaron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures; a directora de Inserta Emprego Galicia, Beatriz Gallego, e o delegado da zona norte, Mauricio Martínez Balbís.
Inserta Emprego é a entidade da Fundación ONCE encargada de desenvolver programas de formación, orientación laboral e intermediación co tecido empresarial para favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade. A través da súa actividade promove oportunidades de emprego, mellora da cualificación profesional e sensibilización social sobre a importancia da inclusión laboral.
O convenio previsto co Concello de Carballo incluirá diferentes accións destinadas a mellorar a empregabilidade das persoas con diversidade funcional. Entre elas figuran programas de formación e orientación na busca de emprego dirixidos ás persoas usuarias, accións formativas para os distintos departamentos municipais co fin de reforzar a atención ás persoas con diversidade funcional e iniciativas formativas orientadas ás empresas.
Pola súa banda, o Concello colaborará coa cesión de espazos municipais para o desenvolvemento das accións formativas previstas no marco deste acordo.
Con esta iniciativa, ambas entidades reforzan o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e coa promoción dunha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas poidan acceder ao emprego en condicións de igualdade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.