Wednesday 11 de March de 2026

Última oportunidade para anotarse no xantar da festa de Naraío, que se celebra este sábado na polideportiva da Veiga


Temos a primavera ás portas. Un tempo no que, seguramente, se multipliquen os xantares e ceas de recadación de fondos para organizar as distintas festas patronais do verán. Unha das primeiras citas gastronómico-festivas que nos vén aí é esta fin de semana precisamente, xa que para este sábado 14 de marzo está posta a comida a prol do San Roque, organizada pola Comisión de Festas de Naraío 2026. Até o momento van anotadas 260 persoas e a pesar de que o prazo de reservas xa rematou aínda quedan algúns tíckets á venda. Poden gardarse ata este venres ao mediodía chamando ao 650 353 813.

O evento deste sábado comezará cunha sesión vermú ás 14:00 horas coa actuación de Lucía Fraguela, quen botará arredor dunha hora de pezas mentres a xente vai chegando para xantar. A previsión é sentar á mesa non máis aló das 15:00h para degustar un cumprido menú servido por Casa Taboada.

O cuberto inclúe empanada, polbo á feira, xamón asado con patacas, torta de améndoa e pastel de queixo, ademais de bebida, café e un licor. O prezo é de 36 euros para persoas adultas, 20 euros para nenos e nenas de 7 a 11 anos e de balde para menores de 7 anos.

Aínda que o prazo de inscrición remataba o 9 de marzo, desde a organización sinalan que as persoas que se enterasen tarde e queiran asistir ao xantar aínda poden tentar reservar. Para iso deben contactar con David Dopico no 650 353 813, quen está encargándose das últimas anotacións para gardar sitio na comida. O último día é este venres pola mañá.

Tralo xantar haberá sorteo de agasallos e pola noite serviranse petiscos variados para seguir gozando da festa, que estará animada desde a sobremesa por Lucía Fraguela e, despois, polo picadiscos local DJ Sebas.

Deja un comentario