Friday 22 de November de 2024

A AGASP acolle unha nova edición do Prácticum de Criminoloxía dirixido aos alumnos do Instituto Superior de Maia, en Portugal


O director da Agasp, Luis Menor, destacou na presentación que a Academia estradense é hoxe un referente na formación de emerxencias e seguridade pública

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presentou na Estrada unha nova edición do Curso Práctico de Criminoloxía que organiza a Academia Galega de Seguridade Pública, e no que participan unha vintena de alumnos do último curso da Licenciatura en Criminoloxía do Instituto Superior de Maia, ISMAI.

O tamén director da Agasp, Luis Menor, destacou que o ISMAI é un centro de primeiro nivel en Portugal e que a confianza depositada na Academia estradense sitúaa como un referente na formación de todo tipo de profesionais dedicados ás emerxencias e á seguridade pública.

Ademais, a colaboración e o interese do ISMAI incide noutra das grandes apostas do Goberno galego como é a cooperación e o intercambio de experiencias con Portugal, algo que sempre resulta beneficioso e máis en materia de formación.

O ISMAI imparte o grao de Criminoloxía polo cal os seus alumnos saen preparados para o ingreso en diversos contextos laborais, como os corpos policiais e institucións penitenciarias; empresas de seguridade privada; institucións e servizos de menores, colectivos de risco ou reinserción social; así como proxectos de investigación no ámbito criminolóxico, entre outros.

O Curso Práctico de Criminoloxía conveniado coa Agasp dálles a posibilidade de realizar un curso de formación eminentemente práctico -unha das características da Academia da Estrada-, de natureza universitaria, e integrado nas materias curriculares de “Policía Científica e Técnicas de Investigación Criminal I e II”.

Así, o curso contará con varias sesións dedicadas a asuntos como balística; falsidade documental; estudo de escrituras, manuscritos e documentos; estudo técnico da escena do crime; técnicas audiovisuais aplicadas ao estudo do crime; método estratéxico de investigación criminal, entrevistas e interrogatorios, vixilancias e seguimentos; e lofoscopia e dactiloscopia. As clases rematarán o venres cunha visita ao Centro Penal da Lama.

Na inauguración desta mañá, ademais do director de Emerxencias e Interior da Xunta, tamén participaron o reitor do ISMAI, Domingos Oliveira, o seu coordinador dos estudos en Ciencias criminolóxicas, Manuel José Carrilho; e o director da Escola de Práctica Xurídica de Galicia, o profesor de Dereito Procesal da USC, Lotario Vilaboy.