Brahim Mojtar e Musa-Sidi Mohamed Hauari, están de visita en Galicia coa intención de coñecer de primeira man o sistema de recollida de lixo da nosa Comunidade Autónoma
O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantiveron hoxe unha reunión cunha delegación saharauí encabezada polo seu ministro de Auga e Medio Ambiente, Ibrahim Mojtar.
Os responsables de auga e Medio Ambiente nos campamentos saharauís, Brahim Mojtar e Musa-Sidi Mohamed Hauari, explicaron a Rueda e Mato que están de visita en Galicia coa intención de coñecer de primeira man o sistema de recollida de lixo da nosa Comunidade Autónoma, polo que visitarán Sogama o vindeiro xoves.
Rueda, visitou os campamentos da poboación refuxiada saharauí en Tinduf, Arxelia en decembro de 2014, xa que un dos obxectivos da actuación da Cooperación Galega co pobo saharauí é contribuír na mellora das condicións de vida da poboación refuxiada saharauí, con especial atención ós nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores.
A poboación dos campamentos saharauís ten a consideración de “prioritaria” dentro da planificación de actuacións da Cooperación Galega polo que dende o ano 2006 a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, vén colaborando coa SOGAPS no financiamento de diferentes proxectos, a través da sinatura dos correspondentes convenios.
Neste sentido, as achegas da Xunta ascenderon, entre os anos 2006 e a actualidade, a case 1 millón de euros, importe que se destinou a proxectos de axuda alimentaria de emerxencia para a poboación refuxiada saharauí en Tinduf; formación, información e docencia no campo da pediatría, tanto ao persoal sanitario das dairas como ao persoal médico do hospital en Huambo; e apoio sanitario para a mellora do nivel de saúde da poboación dos campamentos de refuxiados en Tinduf.
Na reunión tamén estiveron presentes Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, o delegado saharauí para Galicia Habibullah Mohamed Kuri e Maite Isla, Presidenta da Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
Unha axuda prioritaria
A colaboración entre ambas entidades enmárcase dentro do Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Este plan identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, sendo importante destacar que a poboación saharauí figura como prioritaria para a atención da Cooperación Galega e unha constante na planificación do Goberno galego.