· O prazo para enviar os traballos finaliza o 7 de maio ás 14 horas.
· Repartiranse premios divididos en dúas categorías (xuvenil e adulta) e os galardóns entregaranse nun acto na Senra o próximo 29 de maio.
O Concello de Bergondo abriu a convocatoria para participar na segunda edición do Certame de foto-relatos ‘Bergondo en feminino’. Esta iniciativa, enmarcada dentro da sétima edición do proxecto municipal homónimo, ten como obxectivo principal visibilizar ás mulleres a través do xénero literario e a creatividade.
O certame está aberto a calquera persoa que desexe participar, independentemente do seu lugar de empadroamento. As obras presentadas deberán ser orixinais, inéditas e non ser premiadas en ningún outro concurso. Ademais, os textos terán que estar escritos en galego e contar cunha extensión máxima de 3.000 caracteres, espazos incluídos.
A proposta debe axuntar literatura e imaxe, polo que o arquivo de texto (en formato PDF) deberá ir acompañado da imaxe á que fai alusión, na máxima calidade posible (formato JPG ou PDF).
O prazo para presentar os traballos finaliza o vindeiro xoves 7 de maio de 2026 ás 14:00 horas. As persoas interesadas deben enviar as súas propostas por correo electrónico á dirección leticia.rey@bergondo.gal, anexando tamén unha folla cos seus datos persoais (copia do DNI, dirección, teléfono de contacto e a categoría á que optan).
Dúas categorías e seis premios
O concurso establece dúas categorías: unha xuvenil (para persoas de entre 12 e 18 anos) e outra para persoas adultas (de 18 anos en diante). Entregaranse un total de seis premios, tres por cada modalidade.
Para a categoría xuvenil, o primeiro premio consistirá nun bono comercio por valor de 180 euros, mentres que na categoría de adultos o bono ascenderá a 200 euros. En ambos os casos, o segundo premio será un lote de libros e o terceiro consistirá nunha maleta con materiais do proxecto ‘Bergondo en feminino’.
Á hora de valorar as propostas, o xurado terá en conta tres criterios fundamentais. En primeiro lugar, a mirada feminista, valorando a capacidade da historia para sensibilizar en materia de xénero, denunciar inxustizas ou visibilizar as loitas, avances e experiencias das mulleres. En segundo lugar, puntuarase a orixinalidade, premiando aqueles enfoques que poñan o foco en vivencias menos recoñecidas. Por último, analizarase a calidade técnica tanto do texto como da imaxe que o acompaña.
A entrega de premios levará a cabo durante o acto de clausura da sétima edición de ‘Bergondo en feminino’, que se celebrará o venres 29 de maio en horario de tarde no edificio sociocultural da Senra.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.