O Concello de Oleiros organiza o vindeiro 28 de marzo unha pola Serra do Forgoselo e Alto de Racamonde e visita cultural ao museo etnográfico do Monte Caxado (As Pontes).
O vindeiro sábado 28 de marzo terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros. A Ruta pola Serra do Forgoselo e Alto de Racamonde discorre por unha das serras máis interesantes da Comarca do Eume, incluída na ZEC Xubia-Castro. Este macizo granítico situado ao norte das Fragas do Eume, destaca especialmente pola súa paisaxe formada por pequenos cerros redondeados onde sobresaen formacións graníticas de grandes bloques como penedos ou os bolos nos que se poden atopar diferentes formacións derivadas da erosión de millóns de anos, como as pozas, as pías e as cacholas…
A ruta permite descubrir todas estas formacións ademais de subir ao Pico Racamonde gozar dunhas vistas espectaculares sobre a comarca do Eume e arredores.
Este Programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.
Esta saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23 euros, e preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do luns 16 de marzo ás 10.00 horas. No caso de ter máis solicitudes que prazas a adxudicación de prazas realizarase por sorteo entre todas as solicitudes de persoas empadroadas rexistradas entre o luns 16 de marzo ás 10.00 horas e o martes 17 ás 14.00 horas, na sede electrónica, no catálogo de trámites, ámbito de cultura. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.
Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.