As anotacións deben facerse antes do 27 de abril en www.carreiras galegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago
Últimos días para anotarse na cuarta edición da Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que terá lugar este sábado 30 de abril, a partir das 17:30 horas.As inscricións poden formalizarse ata as 23:59 horas deste mércores 27 de abril nas páxinas web www.carreirasgalegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago. A inscrición nas categorías escolares (de pitufo a xuvenil, é dicir, nacidos en 1999 e posteriores) son totalmente de balde, mentres que na proba absoluta a cota de inscrición é de 5 euros. A día de hoxe hai case trescentos atletas anotados.
A IV Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que estará baixo control do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, comezará a disputarse ás 17:30 horas do sábado 30 de abril e inclúe un total de oito probas, con distancias adaptadas ás catorce categorías establecidas. Todas elas terán saída e chegada na rúa Camiño Inglés de Sigüeiro (a carón da Casa do Concello) e o circuíto correspondente a cada proba estará debidamente sinalizado.
Horarios
Ás 17:30 horas tomarán a saída os participantes na proba absoluta, que percorrerán unha distancia de 10 quilómetros. Unha hora despois, ás 18:30 horas, terá lugar a proba dos pitufos (nados en 2011 e posteriores), que correrán uns 300 metros na rúa Camiño Inglés. A mesma distancia será percorrida dez minutos despois (17:40 horas) polos prebenxamíns (2009-2010). Ás 18:50 horas será a quenda dos benxamíns (nados en 2007-2008), que darán unha volta ao circuíto urbano de Sigüeiro (1 quilómetro). Dez minutos despois (19:00 horas) sairán os alevíns (2005-2006) para dar dúas voltas ao circuíto urbano (2 quilómetros). O mesmo percorrido tamén o farán os infantís (2003-2004), que sairán ás 19.15 horas. Pecharán a carreira os cadetes (2001-2002) e os xuvenís (1999-2000) percorrendo un total de 3 quilómetros, saíndo ás 19.30 e ás 19:45 horas, respectivamente.
A entrega de premios terá lugar ás 20:30 horas. O Concello de Oroso entregará trofeos aos 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías, homes e mulleres (os premios non serán acumulativos). Nas categorías prebenxamín e pitufo non haberá entrega de trofeos, xa que todos os participantes recibirán unha medalla. A proba está organizada polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, Supermercados Familia, Equip@-T e Bazar Karma. A carreira.