· A actividade, dirixida á rapazada de 4º de Primaria, terá lugar no CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras do 11 ao 25 de marzo
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá o programa ‘Xoga ao Baile Deportivo’, unha iniciativa posta en marcha polo Taller Alecrín en colaboración coa Concellería de Cultura e a ANPA do Colexio Banda Seca.
A actividade terá lugar no CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras entre mañá, mércores 11 de marzo, e o día 25 deste mesmo mes.
O obxectivo desta iniciativa é achegar á rapazada distintas modalidades de baile deportivo, así como fomentar esta disciplina como actividade física e artística e mellorar, á súa vez, a condición física das persoas participantes. Tal e como destacou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, durante a presentación, “é unha maneira de achegar aos rapaces e rapazas a esta modalidade artística ao mesmo tempo que se promoven hábitos saudables”.
Pola súa parte, o director de Taller Alecrín, Francisco Muñiz, salientou a importancia de “ofrecer experiencias educativas que van máis aló da aula e que contribúen ao benestar do alumnado”.
O programa abrangue tes unidades de tres sesións cada unha a desenvolver nas aulas de Educación Física como parte da programación da materia en relación ca expresión corporal e o ritmo. O obxectivo principal é dar a coñecer as modalidades de baile en parella tanto Estándar como Latino que compoñen o programa de competición de Baile Deportivo.
‘Valse Inglés’ e ‘Valse Vienés’ serán os ritmos que se desenvolverán na primeira sesión desta primeira unidade, mentres ‘Rumba’ e ‘Cha-cha-chá’ serán os da segunda, para rematar nunha terceira sesión dedicada xa á propia Competición. Nesta fase os participantes demostrarán as destrezas aprendidas.
As persoas interesadas en recibir máis información poden chamar ao 698 150 432.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.