Wednesday 11 de March de 2026

BNG chama a recuperar os nomes e apelidos na súa forma orixinal galega nun acto fronte aos xulgados de Fontiñas


Esta acción forma parte da campaña “Pronúnciate!” que vén desenvolvendo a nível nacional

O BNG de Compostela reunirase ás 12:30 h deste xoves, día 12 de marzo, diante dos xulgados de Fontiñas para facer un chamamento a todas as persoas que queiran recuperar os seus nomes e apelidos na súa forma galega. O acto, que reunirá militancia e simpatizantes, e ao que se achegará a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, busca loitar contra a deturpación de nomes e apelidos que, pola imposición do castelán ao longo dos séculos, e máis durante a etapa franquista, foron perdéndose e adaptando unha lóxica lonxe do galego.
Un cambio que pretende ser máis que un xesto simbólico: unha expresión de liberdade, dignidade e coherencia coa nosa identidade colectiva. Ademais, defende a formación nacionalista, trátase dun exercicio de xustiza histórica. Facer visíbel a nosa riqueza lingüística e revitalizar as formas xenuínas que corren perigo de desaparecer.
De feito, segundo estudos como a Cartografía dos apelidos de Galiza (CAG) da Universidade de Santiago (USC), algúns dos apelidos castelanizados máis frecuentes no noso país son Iglesias, Rey, Blanco, Otero e Lorenzo, no canto de Igrexas/Eirexas, Rei, Branco, Outeiro e Lourenzo. A Real Academia Galega, dentro dos estudos realizados, implementou na súa web buscadores para corrixir tanto nomes como apelidos, explicando orixe e evolución dos casos máis significativos.
Por outra banda, desde a web do Bloque Nacionalista Galego pode accederse á información esencial da campaña na que se explica como proceder para facer realidade o cambio de nome e apelidos. Un acto sinxelo no que soamente hai que presentar un certificado literal de nacemento (no caso de persoas casadas tamén o certificado de matrimonio), cubrir un formulario que o propio BNG ten á disposición das persoas que o desexen na súa web (https://www.bng.gal/estaticas/pronunciate.html) e pedir cita no xulgado para realizar o trámite.

Deja un comentario