Medio ano perdido. Moita venda de fume
Hoxe, 10 de marzo, cúmprense 6 meses da moción de censura que perturbou con malas mañas o resultado democrático das elecións municipais en Carral, impedindo gobernar ao equipo de Javier Gestal. O balance deste medio ano de goberno impostor do Partido Popular supuxo o que xa prognosticábamos desde Alternativa dos Veciños: parálise total, ralentización administrativa e moita palabrería apoiada no tradicional caciquismo do PP.
O único balance posible que poden realizar son algunhas obras xa contratadas pola Alternativa, pero que aínda non remataron como as cunetas de Balbén en San Vicente de Vigo; o ximnasio, as cunetas de Tabeaio, Vista Real (Cañás), A Ribeira e Suavila. Tamén están sen resolver outras obras que lles quedaron encamiñadas, como as de Montecelo, Cimadevila ou Rúa Fraga.
O proxecto de saneamento de Cañás nas zonas de Casanova e Vistarreal quedou metido nun caixón; outros na mesma parroquia xa estaban adxudicados e contratados para poder facerse no 2025, encamiñados os de outras parroquias como Beira, Canedo, Quembre… só parece que será posible o de Gosende grazas ás xestións que Alternativa dos Veciños deixou feitas antes de ser desposuída da alcaldía.
Varios pregos de contratación que o equipo de Gestal deixou en estado avanzado, tras estes seis meses, non son realidade. Afectan a servizos tan importantes como limpeza, xardinería, climatización, redacción de proxectos, servizos de auga… Tamén paralizada quedou a mellora do campo de fútbol dos Capelos, que se podía ter feito con remanentes de tesourería e quedou tamén vítima da desidia.
Outro importante avance que paralizaron foi a ordenanza de servizos sociais, que quedou praticamente lista e aínda non aprobaron. Estímase que nestes seis meses, o actual Goberno perdeu uns 300.000 euros en subvencións pola desidia de non solicitalas.
No capítulo que si aproba o novo Goberno golpista é o de vender fume: un novo centro de saúde (que non se construirá en Carral), unha residencia da terceira idade que só existe nas declaracións de intencións e para a renovación da depuradora só fotos e ningún feito.
Os poucos avances que levou adiante o Goberno do PP máis os concelleiros tránsfugas elixidos, foron realizadas polo equipo de Gestal antes de ser impropiamente expulsado da alcaldía: campamentos de verán e nadal, actividades escolares, madrugadores, subvencións para asociacións culturais, deportivas e festivas; eventos como Tapea Carral, Entroido, promoción comercial, cabalgada de Reis… ademais de subvencións para excursións de alumnado, talleres de memoria, mellora da pista de tenis, campamentos, etc.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.