O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou en Ribeira na presentación da carreira, que chegará á cidade tras 121 quilómetros de percorrido desde Padrón
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou hoxe en Ribeira na presentación oficial do percorrido de La Vuelta Femenina by Carrefour.es 2026, unha das principais competicións do ciclismo feminino internacional e que terá na cidade da Coruña a meta da súa terceira etapa.
A xornada disputarase o 5 de maio e partirá da localidade de Padrón, cun percorrido de 121 quilómetros ata a cidade herculina, nunha etapa que, polo seu perfil, podería resolverse nunha chegada ao sprint do pelotón.
A presenza da Coruña na carreira supón a primeira vez que a cidade acolle a chegada dunha etapa de La Vuelta Femenina, o que permitirá situar á cidade dentro dun dos eventos deportivos femininos máis importantes do calendario internacional.
Durante a presentación celebrada esta tarde en Ribeira déronse a coñecer os detalles dunha edición que contará con sete etapas entre o 3 e o 9 de maio, con Galicia como punto de partida da competición antes de continuar cara a outras comunidades.
Manuel Vázquez destacou que “a chegada dunha etapa de La Vuelta Femenina supón unha oportunidade para situar á Coruña no mapa dunha das grandes competicións do ciclismo feminino e para seguir reforzando a presenza do deporte feminino na nosa cidade”.
A celebración desta etapa cobra ademais un significado especial no contexto do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ao tratarse dunha competición que contribúe a dar visibilidade ao deporte practicado por mulleres e ao crecemento do ciclismo feminino a nivel internacional.
O edil puxo tamén en valor o papel deste tipo de eventos na visibilización das mulleres no deporte e indicou que “a celebración de competicións deportivas femininas deste nivel contribúe a dar máis visibilidade ás deportistas e a seguir avanzando na igualdade dentro do ámbito deportivo”.
Neste sentido, a presenza da carreira na cidade encaixa na aposta municipal polo impulso do deporte feminino e pola promoción da igualdade, unha liña de traballo impulsada nos últimos anos desde o Goberno de Inés Rey, que vén apoiando a celebración de competicións deportivas femininas e iniciativas que fomentan a práctica deportiva entre as mulleres.
A chegada de La Vuelta Femenina by Carrefour.es permitirá ademais reforzar a proxección deportiva da cidade e consolidar a Coruña como escenario de grandes eventos deportivos de ámbito estatal e internacional.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.